Anuncios
Ticker de novas

Nigrán recibirá preto de 1.500.000 € da Deputación para a construción da nova Biblioteca

O Concello de Nigrán será un dos cinco beneficiarios da área de Vigo de proxectos singulares incluídos no Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación de Pontevedra que presentaron esta mañá a presidenta Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera. O goberno provincial investirá nestes proxectos un total de 3.749.740, 89 euros do importe total de 4.687.176,05 euros, cubrindo os concellos a parte restante do custe.

A institución provincial subvencionará nun 80% a construcción da nova Biblioteca Municipal de Nigrán, orzamentada segundo o proxecto nun total de 1.849.525 euros dos que a Deputación achegará 1.479.620,18 euros procedentes da súa liña axudas para a mellora dos equipamentos, servizos ou dotacións singulares dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e o concello 369.905,05 euros, sendo Nigrán a localidade da comarca de Vigo co proxecto de maior contía. Esta deberá estar en fase de licitación antes de xuño de 2018 e executada antes de xuño de 2019.

“É a mellor noticia para Nigrán; o goberno apostou forte por unha nova biblioteca acorde ás necesidades actuais e futuras do municipio e agora xa temos a financiación para levala adiante; precisamente aceleramos a contratación do proxecto e a súa entrega ao máximo co fin de poder optar a esta axuda que acabamos de obter e que significa unha oportunidade única”, manifesta o alcalde, Juan González.

O novo edificio se expón nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado e que foi consensuado previamente cos grupos políticos e técnicos municipais. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que comunica co gran patio existente e que, ao mesmo tempo, supón unha zona previa á entrada da biblioteca por planta baixa.

O proxecto do estudio Gándara#Pons contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental.

Cun deseño de liñas modernas e sobrias adaptado á morfoloxía da parcela, a fachada se expón de granito e morteiro de cal e a xeometría da planta responde á propia forma do solar. O edificio consta de catro andares: na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos; e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

“O espazo se multiplica con respecto a actual do Ceán dando cabida a usos que actualmente non existen e permitindo rexenerar a praza exterior, á que estará directamente ligada cun acceso cuberto para darlle continuidade”, incide González.

Actualmente, a Biblioteca Municipal de Nigrán ten preto de 4.000 socios e recibe máis de 8.000 visitantes cada ano. Para facerse socio tan só é necesario encher unha ficha de inscrición na propia instalación ou ben vía telemática, é de balde e non é necesario estar empadroado en Nigrán para poder gozar dos seus servizos. Conta con 43.800 volumes consultables por Internet no catálogo informatizado en liña.

Anuncios