Anuncios
Ticker de novas

Adrián Valverde cede a camisola de líder Elite tras unha mala saída en Santiago

FOTO: LUZ IGLESIAS // Valverde no Trofeo Concello de Santiago.

Outra vez tocoulle remontar a Adrián Valverde, pero nesta ocasión a súa reacción non foi suficiente para manter a camisola de primeiro clasificado Elite da Copa Galicia de Ciclocrós. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas finalizou terceiro no Trofeo Concello de Santiago, unha proba que se adxudicou o novo líder Darío Otero (Muebles Compostela). Unha mala saída lastrou as opcións do baionés.

A posta en escena de Valverde na cuarta xornada da Copa Galicia non foi a desexada por parte do representante da entidade que preside José Luis Chamorro. O especialista de Baiona foi adiantando rivais ata situarse cuarto, a medio minuto do tándem de cabeza formado por Otero e o sub23 Román Saa (Maceda).

Na penúltima volta Saa foise ao chan, un contratempo que Valverde aproveitou para subir un posto e cruzar a liña de meta a 41″ de Otero. O segundo posto ocupouno Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro).

Tras esta proba, Otero e Valverde igualan a 400 puntos no máis alto da táboa Elite. O liderado provisional correspóndelle ao corredor do Compostelano polo seu mellor resultado na última carreira. Iván Feijoo (Maceda), ausente en Santiago, mantense primeiro na clasificación absoluta con 420 puntos.

A Copa Galicia regresará o próximo fin de semana cunha dobre cita: o sábado no Rosal e o domingo en Poio.

Anuncios