O “Bosch Service Solutions” vencedor da Lexus Breogán Cup en Baiona

FOTO: PEDRO SEOANE // Vitoria do "Bosch Service Solutions" de Ramón Ojea.

O “Bosch Service Solutions” do Club Marítimo de Canido patroneado por Ramón Ojea proclamouse vencedor absoluto da Lexus Breogán Cup, que polo sistema contra reloxo, organizou dentro da Semana Abanca, o Monte Real Club de Yates de Baiona. O barco do Marítimo de Canido realizou unha regata impecable, levándose a vitoria desta modalidade que non se celebraba en augas da ría de Baiona desde fai máis dunha vintena de anos. No trofeo por clubs, que tiña en xogo o valioso Trofeo Vanguard consistente nun xogo de seis balizas de regata para o club gañador, o primeiro posto foi para o Monte Real cos barcos “Luna Nueva” do asturiano Juan Luis Tuero e “Namaste” de Luis de Mira, sendo a prata para o Real Club Náutico da Coruña, con “La Galera” de Joaquin Cobelo e “Meltemi” de Guillermo Blanco.

LEXUS BREOGÁN CUP
FOTO: PEDRO SEOANE // A Lexus Breogan Cup foi moi espectacular.

Xornada na ría de Baiona cunhas condicións sinxelamente espectaculares: ventos estables de 12 a 15 nós do noroeste co mar sen apenas onda e un percorrido que dada a velocidade que alcanzaron os barcos antollóusenos como “curto”. A frota saía do centro da ría de Baiona, para ir posteriormente a virar dúas balizas (a última nos baixos dos Carallones) para saír fóra da ría e facelo na da Negra e volver a Baiona. Primeiro saían os barcos máis lentos en fervenza, para facelo os “Fígaro”, a continuación os máis rápidos cos J80 entre eles e como prostre os ORC, pechando a lista o de maior eslora e máis rápido e que resultaría o vencedor ao cabo: o “Bosch Service Solutions”. A destacar a excelente regata tamén do ovetense Juan Luis Tuero que lograba a prata, que avantaxaba a “Namaste” soamente por 12 segundos. Precisamente estes dous barcos dábanlle ao Monte Real o solombo dos premios, o Trofeo Vanguard, para a súa Escola de Vela cun valor realmente importante.

LEXUS BREOGÁN CUP
FOTO: PEDRO SEAONE // A tripulación do «Bosch Service Solutions».

Entre os Fígaros excelente regata do “Silleiro” de Carlos Hernández que obtiñan o premio da súa clase. Outro dos barcos con bo nivel “La Galera” de Joaquín Cobelo do Real Club Náutico da Coruña que se situou na parte alta da clasificación, así como o “Albarellos” de Fernando Rey do Club Náutico de Portonovo que perdeu moi ao final as súas opcións de entrar entre os dez primeiros. Coa celebración desta Lexus Breogán Cup conclúe a vela na Semana Abanca, que xa ten soamente pendente de celebración a Copa Ibérica Ence de Remo Olímpico que coa participación de 200 botes de España e Portugal, terá lugar en augas da ría de Pontevedra, con base en Marín, o próximo 25 de novembro.

SEMANA ABANCA-LEXUS BREOGAN CUP

Clasificación Final Top Twelve

1º BOSCH SERVICE SOLUTIONS (Ramón Ojea)(CM Canido), 01.24.21
2º LUNA NUEVA (Juan Luis Tuero)(MRCY Baiona), a 04.23
3º NAMASTE (Luis de Mira)(MRCY Baiona), a 04.35
4º CANSINO (Fernando Yáñez)(MRCY Baiona), a 04.47
5º SILLEIRO (Carlos Hernández)(MRCY Baiona), a 05.20
6º LA GALERA (Joaquím Cobelo)(RCN La Coruña), a 05.48
7º SND CORMORAN (Ivan Pérez Gandaras)(MRCY Baiona), a 05.53
8º ERIZANA (Samuel Monttouto)(MRCY Baiona), a 06.02
9º TUTATIS (Rosalía Martínez)(MRCY Baiona), a 06.18
10º BOUVENTO (Ricardo Azevedo)(MRCY Baiona), a 07.16
11º ALBARELLOS (Fernando Rey)(CN Portonovo), a 07.52
12º MELTEMI (Guillermo Blanco)(RCN La Coruña), a 08.17