Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil detén a dous mozos de Nigrán por unha trintena de roubos en vehículos

A Garda Civil detivo a dous mozos, veciños de Nigrán, un deles menor de idade, e investigou a un terceiro, como presuntos autores de máis dunha trintena de delitos, a maior parte deles roubos e furtos en interior de vehículos na vía pública.

A investigación, levada a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, en estreita colaboración coa Policía Local de Baiona, iniciáronse hai varios meses por mor da proliferación de roubos no interior de vehículos estacionados na vía pública.

A totalidade dos roubos realizábanos en horas nocturnas, na súa maior parte, no barrio da Ramallosa- Nigrán, na Avda. de Portugal próxima a Ramallosa e nas rúas das urbanizacións Ponte Romano e Brisa Romana, do municipio de Baiona, próximo a Nigrán. Nalgúns casos fracturaban os portelos dos vehículos ou violentaban as fechaduras das portas e noutros aproveitaban que os propietarios deixaban os coches abertos, ou ben por descoido, ou ben porque tiñan os peches defectuosos.

A identificación de dous mozos que foran sorprendidos o mes pasado, no interior dun vehículo polo seu propietario e a posterior recuperación dunha mochila esquecida no interior dun bar con efectos que foran subtraídos noutros vehículos, foron os principais fíos condutores da investigación.

As pescudas, que contaron en todo momento coa eficiente colaboración dos efectivos da Policía Local de Baiona, concluíron coas detencións de: A.C.R., de 20 anos, doutro mozo, menor de idade, de 16 anos e a investigación de M.G.A., de 18 anos, todos eles veciños de Nigrán.

A estes tres novos atribúeselles a presunta comisión de 25 delitos de roubo/furto de efectos no interior de vehículos, 2 delitos de danos producidos con ocasión destes feitos e 4 furtos de bicicletas en distintos cámpings da zona, en total 31 delitos contra o patrimonio.

Entre os efectos recuperados, ademais das bicicletas, que xa foran pintadas doutra cor para evitar a súa identificación, figuran varios aparellos de radio, caixas de ferramentas e unha guitarra, ademais dun martelo rompe-cristais e unha chave ellen, que utilizaban para fracturar os cristais dos portelos ou violentar as fechaduras dos coches.

Con esta investigación conseguiuse neutralizar a este grupo de mozos especializado na subtracción de efectos no interior de vehículos estacionados na vía pública, que viña actuando na Ramallosa e na súa zona máis próxima, limítrofe cos dous municipios de Nigrán e Baiona.

2017-11-11 - Sin título-2

Anuncios