
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a modificación da base reguladora catorce do “Plan Concellos 2017” co obxectivo de que “os municipios poidan investir, de forma inmediata, as achegas que a institución provincial lles proporcionou ao abeiro do plan, en infraestruturas e equipamentos municipais, bens, maquinaria e infraestruturas locais de abastecemento de auga”, tal e como informou Silva.
Esta modificación da base do plan, que se elevará ao vindeiro Pleno da Deputación de Pontevedra para a súa ratificación, xorde con motivo de posibilitar que os concellos poidan reparar canto antes os danos causados pola vaga de lumes nas infraestruturas e equipamentos municipais. Deste xeito, o cambio que se recolle nas bases reguladoras do “Plan Concellos 2017” como circunstancia excepcional, incluirá, textualmente, “a reparación dos danos causados pola vaga de lumes de outubro de 2017 dentro do termo municipal nos seguintes elementos: infraestruturas municipais, bens, maquinaria e equipamento municipal e infraestruturas locais de abastecemento de auga”.
O cambio nas bases do “Plan Concellos 2017” enmárcase no plan global transversal que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha para recuperar, previr e impulsar un novo modelo forestal para a provincia. Un plan cuxo conxunto de actuacións suman preto de 90 millóns de euros que permitirán aos concellos, desde estes momentos, dar resposta ás consecuencias dos danos provocados pola vaga de lumes.
Xunto a esta modificación, e coa finalidade de axilizar as actuacións de mellora de infraestruturas e servizos municipais así como para non condicionar e frear as previsións de investimentos dos concellos por mor dos danos dos incendios, a Deputación vai impulsar un Plan Concellos Bianual 2018-2019. Ao respecto, a presidenta provincial adiantou que “no vindeiro Pleno da Deputación vanse aprobar os orzamentos que van contemplar este plan bianual dotado con recursos para que os concellos poidan facer fronte a todas aquelas iniciativas que lles permitan, aos que sufriron incendios recuperar os seus territorios e aos que non os sufriron tomar medidas para facerlle fronte”. Amais, Carmela Silva engadiu que estas actuacións se complementarán “cunha nova política forestal de concienciación da cidadanía, porque debemos coidar os nosos montes e os nosos bosques xa que son a riqueza do presente pero, sobre todo, do futuro”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra reiterou que “estas iniciativas manifestan, unha vez máis, o compromiso da institución provincial co conxunto dos concellos da provincia, particularmente cos que sufriron as consecuencias dos incendios. Queremos que con estas achegas todos poidan recuperar o que perderon”.