Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil investiga ao presunto autor dun incendio en locais de lecer e en varios domicilios en Baiona

FOTO: GARDA CIVIL // Os danos producidos polo lume.

A Garda Civil investiga a un mozo de Baiona como suposto autor dun incendio, presuntamente intencionado, en varios locais de lecer e en dous domicilios do barrio histórico da localidade.

Os feitos sucederon o día 22 do mes pasado nun breve período de tempo comprendido entre as 5:00 e as 6:00 horas da madrugada e en varias rúas adxacentes.

Os incendios, que causaron danos materiais de consideración, afectaron os toldos e o mobiliario das terrazas de tres bares e a dúas vivendas. A rápida intervención da patrulla da Policía Local e de dous empregados do servizo de limpeza facilitaron a rápida extinción do lume, evitando que se producisen desgrazas persoais, sobre todo no incendio que se ocasionou no portal dun edificio habitado.

Os datos achegados pola Xefatura da Policía Local no informe que elaboraron sobre os feitos permitiron abrir unha liña de investigación sobre un mozo que identificaran esa mesma noite en dúas ocasións, antes e despois dos incendios.

As pescudas e os testemuños recollidos posteriormente pola Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán consolidaron as sospeitas que recaían sobre este mozo, ao que finalmente se lle notificou a súa condición de investigado como presunto autor dos delitos de incendio e danos.

O mozo investigado, D.R.B., de 20 anos, veciño de Baiona, deberá comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa citado.

Dentro das investigacións foi fundamental a colaboración cidadá, que de maneira incesante comunica á Garda Civil multitude de datos e que se desenvolve principalmente a través do teléfono 062, do portal da internet “Colabora” deste Corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo. www.guardiacivil.es, sugerencias@guardiacivil.org, Garda Civil (Facebook) e @guardiacivil (Twitter).

Anuncios