O Consorcio da Zona Franca de Vigo localizou 275 empresas nos últimos catro anos

O número de empresas implantadas nos parques e polígonos empresariais do Consorcio da Zona Franca aumentou nun 79 por cento entre 2013 e 2017, localizando 275 novas firmas na área de Vigo. Na actualidade están rexistradas 625 compañías con 20.500 empregos tanto en chan propio como en viveiros de empresas, área de emprendedores e polígonos promovidos polo Consorcio. Así o explicou hoxe a directora do departamento Zona Franca e Internacionalización, Débora Ramonde, no transcurso das xornadas sobre As implicacións das zonas francas no comercio internacional que organiza a Universidade de Vigo.

Ramonde subliñou o papel do Consorcio da Zona Franca na localización de empresas na área de Vigo, tanto na construción de parques empresariais, naves e outras infraestruturas, como nos investimentos dedicados ao apoio a emprendedores ou a investimentos de capital risco realizadas polo organismo.

Os investimentos e a actividade do Consorcio permitiron pasar de 350 empresas no ano 2013 a 625 firmas en 2017, incrementando nestes catro anos o emprego localizado nas súas infraestruturas industriais en 3.239 traballadores. Os programas de apoio ao emprendemento son un dos factores que propiciaron o incremento do número de compañías. As incubadoras e aceleradoras vinculadas ás estratexias da Zona Franca foron claves para a creación e a estabilización dun importante número de microempresas que na súa maduración diversificarán a estrutura económica da comarca.

Ramonde expuxo o papel das zonas francas no desenvolvemento local indicando que o Consorcio da Zona Franca de Vigo opera como un axente fundamental na tracción, localización e desenvolvemento de empresas, con especial atención á atracción de empresas que acheguen un carácter de innovación.

Obxectivo: Duplicar infraestruturas empresariais

No ano no que se cumpre o 70 aniversario do Consorcio en Vigo, a Zona Franca revelou que na actualidade a compañía máis grande continúa sendo PSA Peugeot Citroën (instalada en Vigo en 1957), aínda que na actualidade o seu peso no emprego representa un 25% do total das empresas localizadas nos parques do Consorcio.

Na conferencia tamén se explicou que o equipo que lidera Teresa Pedrosa traballa para duplicar, nos próximos 3 anos, as infraestruturas empresariais do Consorcio. Para iso, Zona Franca avanza na ampliación do Polígono de Balaídos, na do Parque Tecnolóxico e Loxístico, e tamén nos investimentos proxectados na Plataforma Loxística de Salvaterra- As Neves (Plisan).

As xornadas, organizadas pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, clausúranse mañá coa asistencia da delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. O organismo acaba de recibir esta semana sete distincións do Financial Times como unha das zonas francas do mundo mellor xestionadas.

Anuncios