
O xurado do X Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xosé Iglesias Lamela e Marta Dacosta, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Rafa Vilar polo poemario titulado “Erosións”.
Trátase dun libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Un amor que non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida á persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindibles para construír imaxes intensamente poéticas.
O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.
O acto de entrega, organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns e conducido pola escritora Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 18 de novembro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío.
A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abrirá o acto. De seguido o autor recibirá o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. Tras a intervención do director do IEM, Xulián Maure, e do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, actuará o Coro Cantares do Brión.
Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.