Baiona acolle unha das mesas de traballo do Plan de Turismo da Deputación

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Reunión do Plan Estratéxico da Deputación.

O Salón de Plenos do Concello de Baiona albergou unha das mesas de traballo do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Pontevedra, promovido pola Deputación. A vila foi a localidade elixida para celebrar a mesa dedicada á costa sur. Trátase da terceira das catro xornadas previstas nesta II fase de estratexia do programa.

A reunión, á que asistiron a concelleira de Turismo de Baiona, Beatriz González Pérez, así como as técnicas de turismo do Concello, contou tamén coa participación de representantes da administración e empresas do sector.

Esta sesión serviu para realizar o deseño do tipo de turismo adecuado en distintos ámbitos a través de diferentes dinámicas. En concreto, os participantes fixeron chegar as súas inquietudes e propostas de accións concretas que teñan que ver cos diferentes produtos turísticos estratéxicos, como é o caso de Baiona, que van formar parte dun paquete turístico da provincia.

A día de hoxe, o Plan Estratéxico afronta unha segunda fase para analizar os datos solicitados na que se reunirá de novo ao sector para establecer a estratexia e, no mes de decembro, aprobar o plan.

O Plan Estratéxico de Turismo da Deputación de Pontevedra para 2017-2020 aposta por un modelo sustentable na provincia, a través do deseño dun destino de calidade e non masificado. Despois será presentado á Xunta de Galicia e ao Goberno central.

Achega de Baiona

González, agradece á Deputación que apostase por Baiona para a realización dunha xornada de traballo «moi interesante» dentro do plan estratéxico que «nos axudará a definir que turismo queremos para a provincia, e no que as localidades costeiras como Baiona temos moito que ofrecer», apunta a edil.

“A nosa intención é ofrecer un turismo sustentable, que permita que o sector siga sendo puxante. Que manteña a nosa autenticidade, os nosos valores e a nosa contorna», di, para «non ter un turismo masificado». Así, avoga por un «maior número de visitantes», pero «maior calidade”.