Gondomar solicita axudas para as Comunidades de Montes e explotacións gandeiras afectadas polos incendios

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, solicitou este venres á directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, axudas para as Comunidades de Montes e explotacións gandeiras afectadas polos incendios dos pasados días 14 e 15 de outubro. Acompañada polo alcalde e polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, visitou en Gondomar unha explotación gandeira afectada para explicar aos seus propietarios as axudas que contempla o Goberno galego para os prexudicados.

O alcalde aproveitou a visita para solicitar a Belén do Campo que a Consellería do Medio Rural promova unhas xornadas informativas en Gondomar para explicar aos afectados as liñas de axudas habilitadas pola Xunta destinadas a paliar os danos ocasionados polo lume nestes sectores produtivos. «As axudas sairán publicadas o luns ou o martes no Diario Oficial de Galicia e a partir de entón, os afectados dispoñen dun mes para solicitalas. Por tanto temos que actuar con celeridade», dixo o rexedor, quen recomendou aos veciños que realicen un inventario dos danos. Lembrou ademais, que poden aclarar as súas dúbidas ou recibir asesoramento para a tramitación de axudas na Oficina Técnica Municipal que comezou a funcionar esta semana na sede da Policía Local en horario de 17 a 21 horas.

Medio Rural habilitará 1,5 millóns destinados á reparación dos danos en infraestruturas de titularidade privada (pistas forestais, captacións de augas, cerramentos, bebedoiros e comedeiros); gastos da madeira almacenada queimada e de talla, recollida e estelado da madeira queimada non comercial; a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras; pola perda total ou parcial de produción agrícola das explotacións agrícolas e gandeiras; pola morte de gando ou pola perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas, e para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas.