Telefónica traballa para restablecer a rede fixa afectada polos incendios en Baiona e Gondomar

Os equipos de Telefónica lograron restablecer toda a rede móbil afectada pola vaga de incendios de hai unha semana.

A situación da rede fixa, en cambio, é moito máis grave. Os equipos de Telefónica e as súas empresas colaboradoras enfróntanse a un nivel de devastación da infraestrutura fixa inédito ata o momento, sobre todo en concellos como As Neves, Baiona, Gondomar, Ponteareas e Soutomaior, onde o lume esnaquizou a rede troncal -a vía principal de comunicación á zona- e tamén a rede de distribución que enlaza cos núcleos de poboación e de aí coas propias casas. No conxunto dos concellos afectados, estas redes suman 85 quilómetros de cable, pero só nas Neves os técnicos de Telefónica deberán tender 15 km. Trátase de infraestruturas que custou anos levantalas, situadas en contornas orográficamente complexas e onde por problemas de seguridade é inviable operar de noite nestes momentos, polo que se estima que os traballos, nalgúns casos, poderán prolongarse durante un mes.

Nos cinco concellos mencionados hai en conxunto 1.346 clientes afectados. Ademais, tamén en Mondariz segue habendo dificultades, aínda que menos severas que nos outros municipios mencionados.

Doutra banda, desde a dirección de Telefónica en Galicia está a contactarse cos alcaldes das zonas afectadas para explicarlles con detalle a situación e pedir tamén a máxima colaboración á hora de axilizar os permisos municipais que no seu caso poidan ser necesarios para o tendido da nova rede.

Anuncios