Sin categoría

Xulgan tres veces no mesmo día a un mozo de Baiona por conducir co permiso retirado

A Policía Local de Nigrán, realizando labores de vixilancia do tráfico e seguridade cidadá, o pasado sábado 7 de outubro, observou un turismo que ante a presenza policial iniciou a marcha precipitadamente. Motivo polo que os axentes trataron de darlle o alto pero, ao observar a elevada velocidade na que fuxía, optaron polo ben da seguridade non iniciar persecución.

O vehículo carecía de seguro e o titular correspondía a un mozo, veciño da localidade de Baiona, co permiso retirado xudicialmente durante 3 anos e 6 meses, condenado por darse á fuga dun vehículo policial e provocar un accidente noutra ocasión.

A Policía Local de Nigrán, en colaboración coa Policía Local de Baiona, citou ao titular do vehículo para declarar nas súas dependencias, para que informase sobre quen conducía o seu turismo, a noite do pasado 7 de outubro. Unha vez finalizada a declaración e marchar das dependencias, un axente a pé observou como esta persoa conducía o seu turismo, sen poder interceptalo, polo que se procedeu a instruír dilixencias xudiciais por conducir sen permiso, sendo citado para xuízo rápido.

A Policía Local de Baiona días despois intercepta a este condutor, conducindo, no seu termo municipal, e instrúe dilixencias xudiciais por conducir sen permiso e sendo citado para xuízo rápido, que curiosamente coincidía na mesma data que fora citado pola Policía Local de Nigrán.

A casualidade fixo que este condutor coincidise en data no mesmo xulgado, para que lle celebrasen dous xuízos por un mesmo motivo, por conducir en días diferentes e por parte de policías diferentes pero, tívose coñecemento que o condutor tiña un terceiro xuízo polo mesmo motivo, o mesmo día e no mesmo xulgado, que fora instruído por outra Policía Local do mesmo Partido Xudicial.

Tres xuízos por un mesmo delito, a xulgar o mesmo día e no mesmo xulgado a horas diferentes.

A colaboración entre policías locais do Val Miñor foi fundamental para poder poñer en presenza da xustiza.