Adrián Valverde defendeu cunha espectacular remontada a súa camisola de líder Elite na Copa Galicia

FOTO: LUZ IGLESIAS

O primeiro Elite no ránking da Copa Galicia de Ciclocrós segue sendo Adrián Valverde tras a dobre cita deste fin de semana en Ferrol. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas terminou segundo, e mellor Elite, o sábado en Esmelle e o domingo finalizou cuarto, e segundo elite, despois de asinar unha sensacional remontada desde o último posto.

O triunfo nestas dúas carreiras adxudicoullo o sub23 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – Maceda). O ourensán avantaxou o sábado en 2 minutos e 20 segundos a Valverde, que resistiu como primeiro elite, con 25 segundos de marxe sobre Darío Otero (Compostelán).

Ao día seguinte, ao baionés rompéuselle a cadea na saída do V Trofeo Cidade de Ferrol. Quedou relegado á última posición e unha vez reparado este problema mecánico empezou a superar rivais no circuíto do Club de Campo. Cruzou a liña de meta cuarto, batendo ao sprint ao elite Jose Rodríguez (C.C. De la Fuente), e a 15″ de Otero, primeiro elite. Esta espectacular actuación permitiu ao representante da entidade que preside José Luis Chamorro salvar a camisola de líder da súa categoría.

Despois de tres xornadas disputadas, Valverde mantense segundo, por detrás de Feijoo, no ránking Elite e Sub23 da Copa Galicia.