Preto de 200 persoas maiores participarán a próxima semana no programa “Depotermal 2017”

Un total de 194 persoas da provincia maiores de 50 anos chegarán a partir deste domingo 22 de outubro ao Hotel Carlos I de Sanxenxo e ao Hotel Louxo, dentro programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2017”. Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

“Depotermal” tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos, ou con aloxamento completo de domingo a venres.

Así, dende este domingo ata o vindeiro venres 27 de outubro, 146 maiores da provincia de Pontevedra gozarán dunha estancia completa no Hotel Spa Carlos I de Silgar, en Sanxenxo e 48, no Hotel Talaso Atlántico de Oia. Todos eles e elas proveñen dos concellos de Vigo, Pontevedra, O Porriño, Cangas, Nigrán, Marín, Meis, Tomiño, O Rosal, Baiona, Moaña, Bueu, A Guarda, A Estrada, Gondomar, Redondela, Arbo e Moraña.

Durante este mes, e no que queda de ano, 4.000 maiores de 48 concellos da provincia poderán gozar do programa “Depotermal” a través das súas dúas modalidades. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos.