A Consellería de Sanidade inicia o vindeiro luns 23 de outubro na área territorial de Vigo a campaña de vacinación antigripal, que durará ata o vindeiro 29 de decembro de 2017, tal e como informaron hoxe en rolda de prensa o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, a xefa territorial de Sanidade na provincia, Ángeles Feijóo-Montenegro, e o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial.
No conxunto da área de Xestión Integrada de Vigo cóntase con 143 puntos de vacinación, repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.
Cun orzamento de 1.956.240 euros, a Xunta adquiriu 560.000 doses para esta campaña autonómica -250.000 son de vacina reforzada, destinadas a persoas ingresadas en residencias da terceira idade e para o resto de persoas maiores de 75 anos, e as 310.000 doses restantes son vacinas antigripais convencionais, destinadas á poboación de calquera idade, a partir dos 6 meses de vida-.
Ao igual que o ano pasado, a Consellería de Sanidade conta cunha web -http://gripe.sergas.gal- con información técnica e de xestión para profesionais sanitarios e con aspectos prácticos para a cidadanía.
Obxectivos da campaña
Un ano máis, o principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a vacinación, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.
Entre os obxectivos específicos deste ano 2017, repítese acadar unha cobertura de vacinación do 65% ou máis na poboación de 65 ou máis anos. Respecto ao obxectivo específico de cobertura nos traballadores sanitarios do SERGAS, increméntase ata acadar o 40%, 5 puntos por enriba do obxectivo da pasada campaña de 2016.
Para acadar estas coberturas entre a poboación, a Consellería de Sanidade establecerá axendas de citación especial para a vacinación nos centros de saúde de Atención Primaria.
E a partires da cuarta semana de campaña, os profesionais de Enfermería de Atención Primaria promocionarán a vacinación mediante un consello telefónico dirixido á poboación entre 65 e 74 anos dos seus respectivos cupos.
Poboación diana
A campaña de vacinación fronte a Gripe 2017 diríxese a todas as persoas con 60 ou máis anos e ás persoas de 6 meses a 59 anos que pertenzan a algún grupo de risco. Aquí estarían incluídas ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -a partir de 6 meses- con tratamentos prolongados de aspirina; persoas con obesidade mórbida; e mulleres embarazadas.
Tamén se inclúen na poboación diana os grupos que poden transmitir a gripe a outras persoas de alto risco -como traballadores de centros sanitarios ou residencias- así como persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.
Balance na área de Xestión Integrada de Vigo
Na área de Xestión Integrada de Vigo administráronse na pasada campaña de 2016 un total de 88.800 doses antigripais. Desa cifra, 60.722 correspondéronse a maiores de 65 anos, polo que se acadou unha cobertura do 52% da poboación diana (na campaña do ano 2015, foi dun 50%). Ditas coberturas do pasado 2016 representan un incremento con respecto aos datos de 2015.
Máis cobertura vacinal do persoal sanitario
Así mesmo, a porcentaxe de traballadores sanitarios -persoal médico e persoal de Enfermería- vacinados amosou un considerable aumento na tempada de 2016. Na área de Xestión Integrada de Vigo acadouse o pasado ano unha cobertura vacinal global do 28% entre o seu persoal sanitario, mentres que na campaña do 2015 fóra dun 20%.
Concretamente, nos centros de Atención Primaria a cobertura de vacinación antigripal acadada o ano 2016 polos profesionais da área sanitaria viguesa foi dun 40%, mentres que na campaña de 2015 fóra dun 34%.
No que atinxe á Atención Especializada, a cobertura vacinal dos traballadores da EOXI de Vigo acadou o pasado ano 2016 un 22%, o que supón un incremento de 8 puntos porcentuais con respecto ao dato de 2015.

