O delegado do Goberno asegura que se traballa intensamente na investigación dos incendios forestais

Reunión na Delegación do Goberno.

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, mantivo esta mañá unha reunión co xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil, Ángel Alonso; o xefe superior da Policía Nacional, Manuel Vázquez; e o comisario xefe da UPA, Silverio Blanco; na que se confirmou que se están producindo avances nas distintas liñas de investigación en relación cos incendios que o pasado fin de semana destruíron en Galicia máis de 35.500 hectáreas e provocaron o falecemento de catro persoas.

No encontro realizado na Delegación do Goberno deuse conta da evolución nas distintas liñas de investigación que se están realizando e que están abertas nas catro provincias galegas “están a recollerse as probas e estase traballando intensamente para determinar a orixe dos lumes e deter aos causantes”, destacou Santiago Villanueva.

Durante a reunión o delegado do Goberno reafirmou que “este é un tema prioritario, para iso contamos non só cos axentes que están en Galicia senón que ademais esta reforzado con equipos especializados do Seprona da Garda Civil; da Comisaría Xeral de Policía Científica de Madrid e un experto da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais”. “A perda de vidas humanas, a inxente cantidade de terreo queimado e os danos do patrimonio contan cunha investigación intensa e coordinada”, asegurou Villanueva aos responsables de Garda Civil, Policía Nacional e UPA. Do mesmo xeito tamén se lembrou que os axentes están a recoller todas as probas, revisando gravacións de cámaras de seguridade e realizando interrogatorios que poidan axudar á pronta resolución e identificación dos responsables dos incendios forestais.

O responsable da Delegación do Goberno transmitiu así mesmo o seu pésame pola perda de vidas humanas, á vez que comunicou a súa admiración aos máximos responsables polo traballo realizado polos axentes durante a extinción dos incendios: “Felicitar a todos os servizos de emerxencia e corpos de seguridade que traballaron dunha forma intensa nestes incendios, así como á poboación” dixo Santiago Villanueva.

COLABORACIÓN CIDADÁ

Así mesmo na reunión destacouse a importancia da colaboración cidadá, para a que se lembra que están habilitadas dúas liñas directas con Policía Nacional: vigo.incendios@policia.es, e con Garda Civil: seprona@guardiacivil.es. Tamén se poderá contactar a través do 062 ou das contas oficiais de Garda Civil en Twitter e Facebook. Do mesmo xeito tamén está disposta a conta de correo galipol@xunta.gal. En todos os casos a confidencialidade estará garantida.

No transcurso do encontro destacouse que a colaboración cidadá foi moi importante na primeira detención efectuada pola Garda Civil en relación a estes sucesos e que unha persoa atópase en prisión provisional como responsable dun dos incendios acontecidos en Ourense, nos Blancos. Do mesmo xeito, esta colaboración permitiu a detección de distintos artefactos incendiarios, un deles en Salceda de Caselas (Pontevedra).

No que vai de 2017 a Garda Civil e a UPA investigou ou detivo a 174 persoas relacionadas con incendios forestais, o que dá conta do intenso traballo que cada día realízase na loita contra este tipo de accións delituosas.