O CB Nigrán recollerá este sábado auga, leite e conservas para os afectados polos incendios

O CB Nigrán quere colaborar coas familias que se viron afectadas polos terribles incendios do pasado fin de semana e poñer o seu granito de area para reparar algúns dos danos causados polas chamas. Despois de informarse de cales son as necesidades máis importantes neste momento por parte da parroquias afectadas, mañá sábado, en horario de tarde, durante o acto de presentación dos seus 9 equipos que competirán de forma federada esta nova tempada, realizarán unha recollida de auga, leite e conservas para que poidan ser trasladadas ás parroquias e abastecer aos veciños e veciñas.

Desde o Club fan un chamamento a todas aquelas persoas que queiran colaborar con esta causa para que asistan mañá pola tarde ao Pavillón Municipal de Panxón e realicen, cada un na medida das súas posibilidades, unha achega de auga, leite ou algunha lata de conservas.

Durante a tarde realizarase unha merecida homenaxe a todas as localidades que sufriron o terror do lume así como a todas as persoas que arriscaron as súas vidas axudando aos seus veciños, en definitiva agradecerán a todas e todos os voluntarios que deron o mellor de si mesmos e loitaron coas súas mans, para salvar o seu e salvar tamén o de todos.

Anuncios