O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza esta próxima fin de semana 14 novas saídas que contarán coa participación de 723 persoas de 12 asociacións. Estas excursións, que terán lugar o sábado e domingo, permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.
Para comezar, este sábado 21 de outubro haberá 10 excursións. Máis polo miúdo, 52 persoas do Centro Social do Concello de Poio farán unha ruta temática polos pazo de Lourizán, pazo de Gandarón e pazo de Oca. Pola súa banda, 45 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais A Candelaria de Sanxenxo e outras 54 da Asociación de Mulleres Rurais A Telleira de Dena, Meaño, farán unha ruta cultural polo conxunto histórico de Salvaterra de Miño, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo e visitarán as pesqueiras do Miño. Tamén 54 persoas da Asociación de Fibromialxia de Vigo visitarán o conxunto histórico de Cuntis e outras 54 da Asociación Sociocultural de Persoas Maiores do Rosal percorrerán o conxunto histórico de Cangas, Cabo Home, Cabo Udra e o Museo Massó de Bueu.
Pola súa banda, 54 usuarios e usuarias da Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs, en Cangas, realizarán a ruta polos pendellos de Agolada, percorrendo tamén o Museo da Solaina de Vila de Cruces, o obradoiro de zocos de Elena Ferro, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo. Tamén 45 persoas da Asociación SAIAR pola Igualdade de Caldas de Reis visitarán Lalín e outras 54 da Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel Escuadro de Silleda percorrerán o Castro de Santa Trega da Guarda, a fortaleza de Goián, o conxunto histórico de Tui e o monte Aloia. Amais, 48 usuarios e usuarias da Asociación Veciñal O Tombo realizarán unha ruta adaptada para persoas con mobilidade reducida por Vigo, percorrendo o Centro Arqueolóxico Vila Romana de Toralla, o parque de Castrelos, o conxunto histórico e a zona do náutico. Tamén outras 50 persoas da Asociación de Veciños Agustín Romero de Vilagarcía de Arousa visitarán a ruta temática “Camelias do Sur” que levará ás usuarias e usuarios a visitar o parque Quiñones de León, o Castro e o parque botánico do castelo de Soutomaior.
O domingo 22 de outubro, 53 persoas da Asociación de Nais e Pais Xiada de Ponteareas percorrerán Silleda, coñecendo o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do Toxa e escenarios da serie “O final do camiño”. Pola súa banda, 54 usuarias e usuarios da Asociación de Veciños Feira Cabral de Vigo e outras 53 da Asociación Cultural Moreira A Tope de Soutomaior realizarán unha ruta marítima pola Ría de Arousa. Para terminar, 54 persoas da Asociación CEIS Amas de Casa de Marín percorrerán Moaña e Vilaboa, visitando o paseo marítimo de Moaña e a igrexa de San Martiño e as salinas do Ulló.
O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

