Adrián Valverde chega como primeiro Elite á dobre cita da Copa Galicia en Ferrol

FOTO: LUZ MARÍA IGLESIAS MOSQUERA

Os circuítos de Esmelle e do Club de Campo de Ferrol esperan este fin de semana a Adrián Valverde. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas preséntase nesta dobre cita na cidade departamental como terceiro clasificado absoluto e primeiro Elite na Copa Galicia de Ciclocrós despois da xornada inaugural celebrada en Marín.

O baionés tentará aproveitar a ausencia do líder absoluto Samuel González (Salvaterra) para tentar instalarse no máis alto do ránking Elite e Sub23. A carreira do sábado arrancará ás 17:00 e a do domingo ás 12:00 horas.

Durante o pasado fin de semana Valverde participou en dúas probas en Burgos, conseguindo acabar 13º en Villarcayo e 21º en Medina de Pomar.