Medio Rural dá por extinguidos todos os incendios da comarca do Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Incendio en Baiona.

A Consellería do Medio Rural deu por extinguidos este xoves todos os incendios que afectaron á comarca do Val Miñor desde o pasado domingo e que desde o mércores permanecían na categoría “controlados”, que na terminoloxía da Xunta quere dicir que o lume deixou de propagarse.

Segundo indica o parte de Medio Rural con datos recollidos ata as 13:30 horas de hoxe, as brigadas forestais deron por extinguidos os lumes de Baiona, Gondomar e Nigrán, que superan nos tres casos as 20 hectáreas de afectación. O traballo dos equipos de extinción e as choivas dos últimos días serviron para reducir as chamas en todos os municipios afectados.