A Garda Civil detén ao presunto autor dun roubo nunha casa de Nigrán

A Garda Civil detivo ao presunto autor dun roubo cometido, o ano pasado, nunha casa de Nigrán. Trátase dun cidadán de nacionalidade romanesa, I.C., de 22 anos, veciño de Vigo.

Un ano despois do roubo, os efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán conseguiron localizar e deter a un dos presuntos autores do roubo que perpetraran o mes de outubro do ano pasado nunha vivenda situada nunha céntrica rúa de Nigrán, de onde se levaron catro televisións, valorados en 1.200 euros aproximadamente.

A pesar de que desde hai bastante tempo xa se tiña identificado o vehículo que utilizaran os autores, foi especialmente laborioso localizar o domicilio da persoa que o estaba utilizando. Sabíase que o último titular vendérallo a un cidadán de nacionalidade romanesa sen facer a transferencia; esta circunstancia e o feito de que cambiaba con frecuencia de domicilio dilatou no tempo a súa localización.

A tenacidade do equipo de investigación culminou con éxito e o pasado mércores conseguiron localizar en Vigo o domicilio da persoa que se estaba buscando, onde tan só levaba vivindo dous días.

Ao proceder á súa detención como suposto autor do roubo, púidose constatar que tamén tiña unha requisitoria xudicial en vigor, ao estar reclamado polo Xulgado de Instrución nº 2 de Pontevedra, por un delito de furto.

Ao mesmo tempo, tamén se puido pescudar a identidade doutro dos autores, un cidadán de orixe marroquí, que se atopa en paradoiro descoñecido.

O detido será posto esta mañá a disposición do Xulgado de Instrución núm.1 de Vigo.