Anuncios
Ticker de novas

Vicente González e Sabela García vencen no XI Rally Cidade de Vigo de Clásicos

O pasado sábado 7 de outubro tivo lugar a XI Edición do Rally Cidade de Vigo de Clásicos Deportivos, organizada pola Escudería Vigo Clásicos contando co apoio imprescindible do Centro Comercial Gran Vía, de GADIS e dos Concellos de Vigo e Baiona (onde sae e finaliza o Rally) e do Concello de Tui, onde se para a media tarde. En X edicións esta proba, consolidouse entre os mellores eventos de regularidade do noroeste peninsular por calidade de inscritos, tanto a nivel de máquinas como de participantes, sendo considerado por unha porcentaxe maioritaria dos asistentes como un dos mellores de Galicia nestes anos.

Os 40 inscritos conformaban un selecto grupo onde había moita calidade en equipos e máquinas podendo o afeccionado contemplar toda unha representación dos vehículos que se podían ver nos Rallyes europeos ao longo dos anos sesenta e primeiros setenta. Destacan, en canto a equipos, a presenza de varios dos mellores pilotos e navegantes galegos así como un pequeno grupo de participantes portugueses.

En canto aos vehículos presentes, púidose observar a evolución que tivo lugar neses anos no automobilismo, así podemos ver como evolucionou Porsche desde os máis antigos Porsche 356 aos Porsche 911 (desde os seus primeiros modelos ao 911 Turbo). En canto a marcas, todas aquelas que significan algo na historia do automobilismo deportivo estiveron presentes: Mercedes, Porsche, BMW, Austin, MG, Alpine, Lancia, Alfa Romeo, Triumph, Fiat, Ford, etc. Puidéronse ver os vehículos que dominaban os rallyes desa época, desde un MGA de 1960, ou os Austin Cooper que venceron tres edicións do Montecarlo a principios dos sesenta, aos Porsche 911 S e Ford Escort. Tamén puidemos ver os Mercedes cos que a marca alemá dominou os grandes Raids da época como poden ser os grandes Mercedes 220S. No parque pechado podíanse observar vehículos pouco habituais como os Sumbean Alpine, BMW 2002 Bahur, Morgan 4/4…

En canto aos patrocinadores, o IX Rally Cidade de Vigo contou cun patrocinador principal, o Centro Comercial Gran Vía de Vigo (onde se realizou o parque pechado e que leva oito anos apoiando a esta proba). Patrocinaban tamén, entre outros, Gadis, Aguasana e Anube, e hai que destacar a colaboración dos Concellos de Vigo, Tui e Baiona, que facilitou a montaxe do control final de chegada e do parque pechado nesa localidade.

Anube encargouse da cronometraxe. Realizouno co seu magnífico sistema vía GPS que permite á organización estar puntualmente informada das penalizacións e da localización dos participantes, aspecto este último que incrementa notablemente a seguridade no desenvolvemento da proba.

Por parte da organización, a Escudería Vigo Clásicos, puxo á fronte da proba a Fernando Losada, que exerceu os labores de director e responsable do deseño do percorrido e da planificación das velocidades para desenvolver na proba, acompañados de Vicente González como responsable de seguridade viaria e do resto da xunta directiva ademais doutras 25 persoas que acompañaron aos participantes e situáronse ao longo do percorrido naquelas zonas que esixían maior coidado. O percorrido constaba de 2 seccións, cun total de 16 tramos de regularidade que sumaban un total de 270 quilómetros ao longo da provincia de Pontevedra.

De novo esta edición tivo un carácter solidario, en colaboración co Banco de Alimentos procedeuse á recollida de alimentos achegados polos participantes.

O rally comezaba coas verificacións técnicas e administrativas o venres 6 a partir das 19:00 horas no Centro comercial Gran Vía, a saída do primeiro participante sería o sábado 7 ás 10:31.

Os equipos participantes tiveron unha hora e media de descanso no Mesón da Lamprea en Arbo antes de comezar ás 16:01 a segunda sección. A segunda sección, moi dura en navegación, a extrema dificultade dos tramos farían que cambiasen varias posicións nos equipos que se atopaban no alto da táboa.

Os equipos comezaron a chegar ao parque pechado en Baiona, no Parador ás 19:55 da tarde. A cea de entrega de premios comezou ás 21:30 horas nas instalacións do Parador de Baiona.

O equipo vencedor do XI Rallye Cidade de Vigo foi o composto por Vicente González e Sabela García da Escudería Vigo Clásicos cun Porsche 911 3.0 de 1978 seguidos por Toni Prieto e Jorge González cun SEAT 124 de 1977 de Arenteiro Clásicos e Óscar Otero e Roberto Ameijeiras cun SEAT 124 de 1977 tamén da Escudería Arenteiro. Os tres equipos compoñían tamén o podio da clase G.

Na clase F os vencedores foron Oswaldo Sánchez e Eduardo Sánchez da Escudería Vigo cun Alpine A110 de 1967 seguidos de Juan Abreu e Alberto Arca cun SEAT 600 Abarth de 1969 tamén da Escudería Vigo e de Manuel Álvarez e Jorge González cun BMW 2002 de 1969 de Clásicos O Toxo.

Na clase E os vencedores foron Manuel Ferreira e Fran Forjanes cun Austin Seven de 1959, seguidos de Javier Pozo e Marta González co Mercedes 220 S de 1960 e de José Luis Torres e Gonzalo Torres cun Porsche 356 de 1960, os tres equipos da Escudería Vigo.

O mellor equipo clasificado sen medidor adicional foi o composto por David Riobó e Francisco González da Escudería Vigo cun SEAT 124. O mellor equipo feminino clasificado foi o composto por María González e Cristina González cun Volkswagen de 1974. O primeiro equipo portugués clasificado foi o composto por Joao e Suzana de Brito cun Alfa Romeo GTV de 1974.

Anuncios