Anuncios
Ticker de novas

Nigrán conmemora este sábado “A Volta dos 9” en Panxón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Xardín da Memoria en Panxón.

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de outubro de recuperación da memoria histórica, conmemorará este sábado 14 o 81 aniversario da “Volta dos 9” cunha ofrenda floral ás 12:30 no xardín da memoria situado diante do Pavillón de Panxón (inaugurado o ano pasado) e ás 13:00 cun concerto da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia no mesmo lugar. Ao acto, aberto á toda a veciñanza, acudirá o goberno de Nigrán, familiares das vítimas, representantes dos mariñeiros de Panxón e das entidades veciñais e culturais da parroquia. O Concello de Nigrán participará tamén ese día xunto ao IEM nos tradicionais actos no Cemiterio de Sabarís e na curva da Bombardeira en Baiona.

“O tráxico suceso marcou á comarca durante xeracións e non se pode esquecer nunca, consideramos unha labor das institucións manter a Historia sempre viva para que así non se repita”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán e historiador que precisamente recolle este suceso nunha das súas obras.

O asasinato tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.

A programación do mes de outubro relativa á recuperación da memoria histórica continúa este martes a través do Instituto de Estudios Miñoranos, que presentará ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o libro “Os nomes do terror. Galiza 1936”, coa presenza de varios dos seus autores. Esta obra constitúe o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores en Galicia que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror. O seguinte martes, o 24 de outubro, será a quenda da presentación do documental “Matriarcas” e o martes 31 de outubro a violonchelista Margarida Mariño ofrecerá un concerto no que se intercalará unha lectura narrativa sobre os acontecementos no Val Miñor os meses posteriores ao inicio da Guerra Civil. Así mesmo, o Concello de Nigrán organiza un ano máis o Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia vinculándoa tamén á memoria histórica. Este ano terá lugar o sábado 28 de outubro ás 12:00 horas no Cemiterio de Parada.

Anuncios