Detido un veciño de Baiona como autor dun roubo nun domicilio en Nigrán

FOTO: GARDA CIVIL // O detido cun axente da Garda Civil.

A Garda Civil detivo a un veciño de Baiona e investigou á súa noiva, como presuntos autores dun roubo que supostamente perpetraran nunha vivenda en Nigrán. Ao mozo considéraselle tamén autor do roubo dun reloxo nos vestiarios dun ximnasio da mesma localidade.

As investigacións levadas a cabo polo Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse o mes pasado por mor da denuncia presentada polo propietario dunha vivenda de Nigrán. Segundo púidose comprobar, os autores entraron a través dunha xanela e despois de revolver varias estancias da casa levaron, entre outros obxectos: catro televisores, varios computadores portátiles, tres cámaras de fotos, catro reloxos e algunhas xoias.

As pescudas iniciais enseguida centralizáronse sobre a contorna social da familia. O feito de que os autores entrasen na vivenda a pesar de que na leira estivese estacionado o vehículo dun membro da casa, que levaba varios días fóra da localidade, foi determinante para concluír que os autores coñecían esta circunstancia.

Partindo desta hipótese iniciouse unha exhaustiva investigación sobre os mozos que días antes do roubo asistiran a unha festa que se celebrou na vivenda e desta forma conséguese pescudar que un deles vendera dous obxectos subtraídos na casa (un reloxo, que se puido recuperar e unha cámara de fotos) nunha tenda de compra venda de obxectos usados en Vigo.

No rexistro do domicilio desta persoa, que compartía coa súa noiva, nunha céntrica rúa de Baiona, a Garda Civil puido recuperar a maior parte dos obxectos que foran subtraídos, entre eles: 2 televisores de pantalla plana, un computador portátil, un reloxo e diversas cadeas e pulseiras de ouro, ademais de preto de 2.000 € en efectivo.

A investigación do caso concluíu coa detención de I.A.T., de 32 anos e a investigación da súa noiva A.C.D., de 27, como presuntos autores dun delito de roubo nunha casa habitada.

No marco da mesma operación, a Garda Civil atribúelle a I.A.T., a presunta comisión doutro delito de roubo. Neste caso, trátase dun reloxo, da marca Rolex, valorado en 4.000 €, que fora subtraído o día 20 de setembro nos vestiarios dun ximnasio de Nigrán.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberán comparecer os implicados cando sexan requiridos.

2017-10-09 - ROBO DOMICILIO NIGRAN-20171006-WA0049