Avelaíña quere celebrar un ano máis o Día Mundial da Saúde Mental cunha serie de actos, que inclúen unha Marcha Saudable que partirá ás 11:00 horas desde o CEIP A Sangriña, no municipio da Guarda, ata a Praza do Concello. Aquí realizarase un acto institucional, coa colocación dunha lona conmemorativa deste día e a continuación dirixiranse ao Auditorio de San Benito, onde o Grupo Perseide, realizará un concerto.
Este acto reunirá ao redor de 250 persoas, entre usuarios, profesionais, familiares, achegados e alumnos dos centros educativos do IES A Sangriña e o CEIP A Sangriña, xunto a autoridades locais.
A Asociación escolleu como lema “Tes un papel na nosa historia” que coincidindo co seu 20 aniversario quere render homenaxe a todos os usuarios, familiares e persoas colaboradoras que marcaron o papel de 20 anos de historia de Avelaíña, e doutra banda facer un chamamento a outras persoas para que tamén colaboren e teñan o seu papel na entidade.
Neste sentido, o Xerente da Asociación, Rafael Álvarez, declara que “con este acto queremos difundir unha imaxe da enfermidade mental máis positiva, dar a coñecer os nosos servizos e tamén recoñecer o esforzo, a dedicación e a implicación de todas as persoas que co seu papel contribuíron a estes 20 anos de historia”.
Avelaíña, crecendo co paso dos anos
Avelaíña destaca así mesmo o seu crecemento co paso dos anos. Ao primeiro grupo de familiares, uníronse outros máis, cun gran equipo de profesionais, voluntarios e persoas colaboradoras.
Desde o ano 1997 a Asociación vén realizando innumerables programas, desde a Rehabilitación Psicosocial, os Programas de Respiro Familiar, Actividades da vida diaria e os servizos de orientación á comunidade. Os usuarios participan de forma diaria en Obradoiros de prensa, informática, Formación de adultos, actividades psicofísicas, entre outros.
Tamén os seus familiares reciben atención a través das consultas, do servizo de orientación e a atención domiciliaria.
Actualmente conta cun Centro de Rehabilitación e un piso protexido na Guarda, outro Centro de Rehabilitación en Baiona e desde o ano pasado, presta atención en Ponteareas e A Cañiza.

