Augas de Galicia inicia a limpeza dos catro ríos de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Operarios de Augas de Galicia limpando o cauce dun dos ríos.

Baiona prepárase para as choivas limpando os seus catro ríos. A concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, anunciou o inicio da limpeza dos catro ríos do municipio por parte do organismo da Xunta, Augas de Galicia. O seu departamento solicitara os traballos ante a chegada do inverno.

Unha cuadrilla de operarios do ente autonómico, expertos en cortar a maleza das ribeiras das canles sen danar as especies protexidas, iniciou esta semana a retirada de obstáculos vexetais no río Groba, en Belesar. Ao finalizar, os traballadores continuarán polo Baíña, seguidamente farán o mesmo no Quirincova e terminarán no río Fraga.

“A actuación cubrirá máis de seis quilómetros de canles na nosa vila e con elas veranse melloradas as condicións de desaugadoiro dos ríos. Están a levarse a cabo traballos de retirada das árbores caídas, roza selectiva de masas de matogueira e herbáceas, podas e rareos”, apuntou Iglesias.