Anuncios
Ticker de novas

Carmela Silva fai balance dos resultados turísticos de setembro e do “mellor verán da última década”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Carmela Silva e Santos Héctor.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, fixo balance esta mañá dos resultados acadados en setembro e durante o verán en canto a ocupación de hoteis e establecementos rurais das Rías Baixas. Silva amosou a súa satisfacción por uns resultados históricos que sitúan ao verán do 2017 como “espectacular, o mellor verán da última década”.

Segundo informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, os datos de Turismo Rías Baixas confirman que o mes de setembro pechou cunha ocupación hoteleira media provincial do 73,4%, moi superior á estimación e dous puntos máis que o acadado en setembro de 2016, cando a porcentaxe se situou en preto do 72%.

Por comarcas, O Salnés acadou unha ocupación do 74,25%, catro puntos máis que o rexistrado no mesmo mes do 2016. Pontevedra obtivo unha porcentaxe do 80,7%, similar á acadada en setembro de 2016. Pola súa banda, a ocupación hoteleira do Morrazo foi do 62% o que significa nove puntos máis que o acadado no mesmo mes de 2016 e Caldas acadou o 84,88%, é dicir, 5 puntos máis que en setembro do ano pasado. No caso de Vigo, a ocupación hoteleira ascendeu ao 79,35%, case 5 puntos máis que o rexistrado no mesmo mes de 2016, e O Baixo Miño obtivo o 69,23%, 9 puntos máis que o acadado o ano pasado. Amais, as comarcas do Condado e A Paradanta acadaron o 71,82% de ocupación hoteleira e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes superaron o 80%.

Carmela Silva deu tamén a coñecer os datos de ocupación nos establecementos de turismo rural que, en setembro deste ano, ascenderon ao 40% e superaron en máis de 5 puntos os acadados en setembro de 2016.

En canto ás persoas que visitaron o destino Rías Baixas, a presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que procedían de España, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos (49%), aloxadas en hoteis (57%) e cunha estanza media de 7 a 15 días. Silva destacou que “aínda que as procedencias son moi diversas, as persoas que máis nos visitan proveñen de Madrid, Barcelona, Vizcaya e Cádiz e se achegan ata a nosa provincia motivados pola natureza e cultura”.

Os estranxeiros que pernoctaron na provincia de Pontevedra no pasado mes de setembro ascenderon ao 33%, 2 puntos máis que a porcentaxe acadada no mesmo mes do pasado ano, e proceden maioritariamente de Francia, Portugal, Italia, Alemania e Reino Unido. A este respecto, Carmela Silva destacou que “estes resultados cadran cos que o propio sector e os concellos nos trasladaron a través do Plan de Concertación, que dicían que estes eran os lugares onde deberíamos facer máis promoción”.

E, como dato significativo, a presidenta provincial deu a coñecer que o 68% das persoas que visitaron o destino Rías Baixas non o coñecían.

Balance do verán

Carmela Silva tamén amosou a súa satisfacción polos datos obtidos durante o verán de 2017 e cualificou a temporada como “espectacular: estamos a falar do mellor verán da última década”.

En liñas xerais, tal e como informou Silva, entre xuño e setembro a ocupación hoteleira media na provincia de Pontevedra foi do 82,84% fronte ao 78,15% obtido o pasado verán, é dicir, case cinco puntos máis que o acadado na mesma temporada do ano 2016. Máis polo miúdo, este verán, o Salnés rexistrou unha ocupación hoteleira do 85,6%, Pontevedra do 87,7%, O Morrazo do 81,1%, Caldas do 86,5%, Vigo do 87,9%, O Baixo Miño do 79,9%, O Condado e A Paradanta do 79,7% e no Deza e Tabeirós-Terra de Montes do 75,36%.

En canto ao número de viaxeiros que chegaron ata a provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén amosou a súa satisfación xa que o incremento foi do 11,75% con respecto ao verán do 2016, cando xa se rexistrara un crecemento do 31% con respecto ao mesmo período do 2015.

Silva informou que “en total, visitaron a provincia de Pontevedra medio millón de persoas durante o verán polo que, se temos en conta que a provincia ten 900.000 habitantes, estamos a falar de 1,4 millóns de persoas nas Rías Baixas o que supón un enorme esforzo e unha cuestión a ter tamén en conta á hora de facer planificación turística”.

Oficinas de turismo

Carmela Silva tamén deu a coñecer os datos de visitantes que rexistraron as oficinas de turismo da provincia de Pontevedra ao longo deste verán. Así, en total acudiron ata estes centros de información 145.770 persoas, é dicir, 55.762 persoas máis que con respecto ao verán do 2016 o que supón un crecemento do 61,75%.

Máis polo miúdo, Carmela Silva ofreceu os datos das oficinas que xestiona directamente a Deputación de Pontevedra, é dicir, as que están situadas no Palacete das Mendoza, no Aeroporto de Vigo e no Mosteiro de Armenteira que rexistraron importantes crecementos. Así, a oficina do Palacete das Mendoza medrou un 123,9%, xa que foi visitada por 40.035 persoas fronte ás 17.876 que acudiron no verán do 2016; a oficina do Aeroporto de Peinador medrou un 82,02% con respecto ao 2016 e rexistrou preto de 5.000 visitantes este verán; e a oficina do Mosteiro de Armenteira foi visitada por 5.683 persoas, 202 máis que no 2016.

Anuncios