Baiona acolle a final da Copa Galicia Júnior feminina de baloncesto

O vindeiro domingo, día 8 de outubro, o Pavillón Municipal de Baiona acollerá a fase final da Copa Galicia Júnior feminina de baloncesto. Trátase dunha competición que disputan os equipos federados da devandita categoría en Galicia (xogadoras nadas en 2000 e 2001), durante os meses de setembro e parte de outubro.

Tras unha fase previa de liguiña con 10 equipos, chegan a esta fase final os catro mellores clasificados, disputando as correspondentes semifinais, final de consolación e final, nunha xornada e sede única, neste caso a Real Vila.

Grazas á organización conxunta do Concello de Baiona e Celta Baloncesto Feminino, este domingo día 8 disputarase no pavillón ás 10:30 horas o CELTA ZORKA- A.D.PELETEIRO SANTIAGO e ás 12:30 horas ESTUDIANTES LUGO- DURAN MAQUINARIA ENSINO LUGO.

Xa en sesión de tarde, disputarase o partido polo terceiro e cuarto posto desde as 17:30, para a continuación celebrarse a gran final desde as 19:30 horas. A cerimonia de clausura e a entrega de trofeos terá lugar ao termo da final sobre as 21:00 horas.

Na competición haberá ocasión de ver a evolución de xogadoras que xa están en dinámica de categorías sénior como é a Liga Feminina 2 e que son xogadoras internacionais coas seleccións españolas da súa categoría, como é o caso de Raquel Carrera e Ainhoa Lacorzana (Celta Zorka) e de Esther Castedo (Ensino Lugo).