A fronte marítima baionesa quedará entre tres e catro semanas sen un dos seus símbolos. A réplica da carabela «La Pinta» partía esta mañá desde o seu pantalán e dirixíase, remolcada, cara aos estaleiros Joaquín Castro de Camposancos, na Guarda, onde o seu casco será sometido a unha reparación integral para a próxima Festa da Arribada, unha edición que o Concello pretende celebrar ao grande, dado que conmemorará o 525º aniversario da chegada da carabela capitaneada por Martín Alonso Pinzón á vila coa primicia do Descubrimento de América.
O Concello destina 30.000 euros dos seus fondos a esta mellora da nave. Será a terceira vez en trece anos que a emblemática embarcación parta de Baiona para unha reparación a fondo en dique seco. A primeira mantívoa afastada da localidade durante un ano e medio entre 2004 e 2005 e a segunda, en 2012, apenas tres meses.
“Fai dous exercicios que a nave rexistrou outra importante intervención no seu pantalán, que podería mantela en bo estado outro máis. Pero o goberno municipal adiantou a súa posta a punto porque quere que luza radiante para unha Festa da Arribada que ten que ser especial pola importancia da efeméride», remarcou o Alcalde, Ángel Rodal.
“A carabela será sometida aos traballos de limpeza e revisión tanto na obra viva como na morta, ao pintado de casco e paus, así como a unha revisión xeral de toda a súa cabotaxe e puntos de seguridade”, matizou Raúl Costas, concelleiro de Actividades Marítimas. Costas embarcouse na Pinta por segunda vez e foi o encargado de custodiar a nave na súa travesía cara A Guarda. Tamén se encargou persoalmente de supervisar tanto as manobras de solte de amarras como de atracada nos pantaláns.
Desde a Concellería de Actividades Marítimas do Concello de Baiona agradécese a colaboración do Monte Real Club de Yates e da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, encargados do remolque da carabela.



