AGEO ultima os detalles do Cume Galego do Xogo que se celebrará en Baiona

O próximo 26 de outubro o Parador de Baiona acollerá o IV Encontro AGEO para a competitividade do sector, que coincide ademais co XXXV Aniversario da Asociación Galega de Empresas Operadoras. Este ano, ademais, con moitas novidades no seu programa. Nel conxugaranse varias conferencias, en formato de masterclass, con mesas de debate, todas baixo o título de “Visión global desde o xogo presencial”. “O título fala por si só, queremos tratar desde unha óptica transversal todos os problemas que nos interesan e preocupan aos que formamos parte da industria do xogo presencial, con tempo para a formación”, indica o presidente de AGEO, Serafín Portas.

A Asociación irá avanzando todos os detalles desta edición, pero xa avanzou o nome dun dos expertos que participará neste IV Encontro, xa coñecido como o Cume Galego do Xogo. Será Juan Carlos Alcaide, consultor, escritor e profesor experto en Transformación Dixital e fidelización de clientes. Precisamente, este é un dos temas de vital importancia para a industria do xogo presencial, e o conferenciante centrará a súa masterclass “Rendibilidade: como lograr que o cliente retorne” na experiencia no salón de xogo, o papel que xogan as emocións para lograr o engagement, ademais de avanzar as claves para formar ao persoal.

Con experiencia no sector do xogo, Alcaide aposta por combinar o uso da tecnoloxía coa visión máis humanística da xestión, sacándolle o máximo partido á proximidade e complicidade como clave nunha relación comercial.

Primeiros avances en contidos e patrocinadores

A Asociación Galega de Empresas Operadoras, presidida por Serafín Portas, ultima os detalles do programa para a gran cita deste ano na fermosa localidade pontevedresa e xa comeza a avanzar as primeiras novidades do Encontro en clave de contidos, que este ano presenta un formato máis áxil coa formación como base. Ademais, atópase pechando os seus patrocinadores, contando como sempre coas principais empresas do sector, que expoñerán as súas últimas novidades.

JUAN CARLOS ALCAIDE

Anuncios