Unha quincena de voluntarios retira media tonelada de lixo do Esteiro da Foz

Unha quincena de voluntarios acudiu o domingo á chamada do Concello de Nigrán e a organización ecoloxista Adega para limpar o Esteiro da Foz, na Ramallosa. Aproveitando a marea baixa, os participantes extraeron fundamentalmente material de construción, botellas de vidro, plásticos, pneumáticos ou redes… ata un total de 500 quilos de lixo.

Este é o terceiro ano consecutivo no que o Concello de Nigrán súmase a esta iniciativa, retirándose do Esteiro da Foz desde o ano 2015 un total de 2,5 toneladas de lixo. “Esta xornada busca a concienciación social e a sensibilización ambiental, queremos incidir en que o estuario é patrimonio de todos os miñoráns e entre todos debemos coidalo”, resume o edil de Medio Ambiente, Diego García.

O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, mostrar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

A X Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en 49 concellos de toda Galicia, e participaron un total de 69 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 10 concellos que organizan directamente esta actividade.

Segundo os primeiros datos provisionais os residuos recollidos en todos os concellos suman máis de 10 toneladas. Recolléronse refugallos de todo tipo, e como sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, un colchón de praia, plásticos de silo, pilas, electrodomésticos, uralitas… As toallitas húmidas volveron ser do lixo máis abundante. Apareceu tamén roupa, calzado…