Este fin de semana finalizou o Campionato de España de Karting 2017 coa quinta e última proba, disputada no circuíto internacional de Zuera, en Zaragoza.
A pesar de que non tivo o seu mellor fin de semana, o novo piloto baionés Adrián Malheiro proclamouse Campión de España na categoría alevín cun 4º e 5º posto, xa que levaba unha boa renda das carreiras anteriores.
Adrián xa se proclamara, por terceiro ano consecutivo, Campión de Portugal, e en novembro dará un paso máis e loitará por ser Campión do Mundo na última proba que terá lugar en Portimao.
Adrián Malheiro Suñe é natural de Baiona aínda que na actualidade reside en Tui. Fillo de pai portugués e nai española, empezou a practicar cunha pequena motocicleta cando só tiña dous anos. Máis tarde comezou a adestrar nas pistas de Porriño cunha Polini GP3.
Despois pasouse aos karts, creándose entón o Team Erizana, para ensinar e seguir a Adrián na súa progresión, e alugando un box permanente nas pistas de Porriño para que o pequeno piloto puidese adestrar. Case de inmediato comezou a participar en eventos en Galicia e Portugal.
Con 10 anos de idade, conta no seu palmarés con máis de 30 podios en categorías nacionais en Portugal. Campión das Series Rotax 2014, 2015, 2016, Campión Nacional de Portugal 2016, Campión Copa Mojo 2014, 2015, foi fichado a principios de ano por Praga España Motorsport para correr no Campionato de España 2017 na categoría Alevín.


