Sin categoría

O Concello de Nigrán fiscalizará as asignacións aos grupos políticos

Coa soa abstención de UCN, a Corporación nigranesa aprobou a proposta nacionalista para que o financiamento dos grupos políticos municipais se someta ao pertinente control por parte do servizo de intervención municipal. Complétase así o acordo xa adoptado no mandato anterior, da obriga da presentación, con carácter periódico e de forma permanente, da xustificación anual dos gastos efectuados polos grupos con cargo a estas dotacións económicas.

“Isto que pode parecer de perogrullo non o é tanto. A maioría dos concellos seguen sen esixir ningún tipo de control sobre estas asignacións, non tendo que presentar os grupos municipais xustificación algunha sobre o que fan cos cartos”, sinala Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG.

Así podemos considerar que Nigrán, agora si, se sitúa á vangarda das entidades máis transparentes nesta cuestión, xa que ata o momento e despois do acordo adoptado no anterior mandato, os grupos limitábanse ao acto formal de posta a disposición do Pleno das correspondentes xustificacións, sen que estas fosen obxecto de fiscalización ningunha.

A resultante desta situación é a existencia de formacións que non xustifican ningún tipo de gasto salvo pequenas comisións bancarias, limitándose a constatar a existencia do saldo correspondente na conta xustificativa aberta ao efecto. Tal é o caso da formación independente Unión Centrista de Nigrán. Outras, como Nigrán Decide, presentan xustificantes de gastos que encaixan indubidablemente dentro dos establecidos para estas asignacións. O malo é que o fan por un importe só de 589,78 €, cando perciben 3.600 € anuais. É dicir, non fan xustificación ningunha sobre máis de 3000 € percibidos no 2016.

O partido socialista si xustifica a totalidade dos fondos percibidos, pero a maior parte deles, 3.835,26 €, fano como amortización de gastos da campaña das eleccións municipais, o que viría a contradicir de forma evidente o destino que para eses cartos permite a lei.

O PP, que tamén xustifica a totalidade da asignación, presenta unha partida de 500 € de gastos varios sen máis concreción.

Finalmente, nestes momentos, o BNG é a única formación que xustifica completamente e dentro dos destinos recoñecidos pola lexislación, a totalidade da asignación percibida.