Sin categoría

Nigrán habilita beirarrúas de acceso ao Humberto Juanes e elimina as barreiras físicas da entrada

Operarios municipais do Concello de Nigrán rematarán antes de fin de mes a última fase das obras para facilitar unha ruta peonil segura e sen barreiras físicas ao colexio Humberto Juanes, tal e como se contempla no proxecto de goberno “Un Nigrán para todos”. Así, habilitáronse beirarrúas en toda a contorna que linda co centro educativo (non existían) e, paralelamente, eliminouse o banzo que existía na cancela peonil de entrada a favor dunha rampla e reparouse o acceso para vehículos. Deste xeito, o colexio Humberto Juanes contará dende este curso cunha ruta peonil segura e accesible nunha contorna que anteriormente compartían indistintamente vehículos e persoas (fundamentalmente nenos).

Así, na primeira fase das obras o Concello abrira un espazo ao carón das escolas infantís e antigas casas dos mestres co obxectivo de permitir un acceso peonil dende a Praza do Concello (obra enmarcada na reforma da planta baixa do Concello e as súas inmediacións) e agora a ampliou á ruta ata a mesma entrada do centro educativo.

«A mobilidade peonil é a forma natural e básica de desprazarse, na nosa política de goberno apostamos por crear rutas seguras e accesibles que, sen dúbida, fan deste municipio un lugar amigable para as persoas», reflexiona o alcalde, Juan González.

2017-09-29 - FOTO2