Baiona solicita á Deputación unha subvención para financiar as obras da Casa de Teresina

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Casa de Teresina.

O Concello de Baiona aprobou no pleno extraordinario celebrado onte o proxecto de rehabilitación e restauración do Concello de Baiona e do Pazo de Miranda, coñecido como a Casa de Teresina, na súa fase I, co fin de poder optar a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que axude a financiar as obras.

O investimento alcanza os 1,148.263,33 millóns de euros e o Concello busca xa o financiamento a través da Deputación que, de aprobarse a subvención, faríase cargo do 80% do custo da actuación.

A subvención á que opta o Concello de Baiona está enmarcada na Convocatoria e as Bases reguladoras das Subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos en concellos de menos de 20.000 habitamtes da Deputación de Pontevedra. Nas súas bases recóllese que o prazo máximo de execución da obra será o 30 de xuño de 2019.

O goberno local pretende trasladar ao emblemático edificio as dependencias do Departamento de Urbanismo como a oficina da área de Rehabilitación Integral (ARI) do centro histórico, á que poderán dirixirse os veciños da zona monumental para asesorarse sobre as súas vivendas e locais. Tamén está previsto trasladar as dependencias do servizo de medio ambiente e de servizos sociais. O proxecto técnico de rehabilitación valora tamén a posibilidade de conectar de forma interior os dous edificios. A incorporación destes inmobles, permitirá acometer melloras na Casa do Concello, onde se realizará unha redistribución de espazos para mellorar a eficiencia dos servizos e as condicións de accesibilidade coa instalación dun ascensor.

“Levamos moito tempo traballando co departamento que dirixe Policarpo Vilar no deseño do ascensor, e a accesibilidade das nosas dependencias municipais. O Concello de Baiona é un dos municipios que máis normalizou o seu urbanismo para persoas con calquera tipo de discapacidade motriz e que aínda non puido facer accesible outros servizos municipais polo propio deseño e protección do edificio. Coas novas obras estes inconvenientes quedarían resoltos”, matiza o Alcalde Ángel Rodal.

“O Pazo de Miranda sumará 453 metros cadrados ás actuais instalacións municipais, pero ademais a súa compra engadiu ao inventario municipal un novo xardín público de 250m2. As obras de rehabilitación e restauración permitirán aos nosos veciños gozar de novos espazos”, destacou Rodal.

A edificación está formada por dúas vivendas e un patio interior, que dispón dunha terraza, un lavadoiro, un pombal e un pozo. O pazo do século XVII, que é unha das propiedades de maior abolengo da zona vella da vila e polas súas portas pasa o Camiño Portugués da Costa, pasou a formar parte do patrimonio público tras cinco anos de xestións e unha expropiación taxada polo tribunal autonómico en 586.686 euros.

Anuncios