A Deputación adxudica máis dun millón de euros ao deporte federado e náutico da provincia

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar máis dun millón de euros para o deporte federado e náutico da provincia a través de dous programas de axudas, dos que se beneficiarán un total de 126 clubs deportivos sen ánimo de lucro. Estas adxudicacións, que ascenden a 1.249.910 €, están dirixidas a apoiar a ditos clubs na súa participación en ligas e competicións oficiais convocadas por organismos ou federación deportivas galegas ou españolas.

Por unha banda, a través do programa de subvencións “Categoría Nacional 2017”, dirixido a equipos que compiten a nivel estatal, destínanse 749.924 € a 75 equipos das modalidades de baloncesto (124.928 €), fútbol sala (25.999 €), bádminton (13.000 €), fútbol (136.000€), balonmán (205.500 €), atletismo (24.500 €), tenis de mesa (17.497 €), voleivol (33.000 €), rugbi (16.500 €), beisbol (7.000 €), ciclismo (55.000 €) e a outras modalidades (91.000 €).

No caso do programa de axudas para o deporte “Ámbito Náutico 2017”, que inclúe as disciplinas de remo, vela e piragüismo, a institución provincial vén de aprobar axudas cun orzamento total que ascende a 499.986 €, das que se beneficiarán 51 clubs deportivos sen ánimo e lucro que compitan no ámbito náutico, sen que ningunha solicitude fose excluída do procedemento.

O goberno provincial, dentro do seu plan estratéxico do deporte, ten investido máis de 4.500.000 € en actividades deportivas, deporte base, deporte náutico e axudas a deportistas, así como na promoción de clubs deportivos de elite, competicións deportivas e na posta en marcha de programas especiais como as Depo Andainas ou Depocomparte ente outros.

Anuncios