Concluído o calendario 2017 co podio obtido na Volta a Galicia, o Club Ciclista Rías Baixas pon a primeira pedra do seu novo proxecto. A entidade presidida por José Luis Chamorro chegou a un acordo con Iván Rodríguez para que o director salmantino asuma as rendas deportivas do equipo elite e sub23 a próxima tempada. Con esta incorporación, a formación miñorana aposta por un técnico con ampla experiencia nas categorías de formación e no campo profesional.
“É un reto persoal”, asegura Rodríguez, que iniciou a súa carreira como adestrador hai 16 anos. Durante este tempo dirixiu aos conxuntos amateurs Salamanca Patrimomio da Humanidade, Caja Castilla La Mancha e Alfus – Tedes. No pelotón profesional formou parte das estruturas do Extremadura, Tecos de México, Gios grego e colaborado co Orbea. Ademais desenvolveu o seu labor como formador na Escola de Ciclismo de Salamanca e no Sanse Rotor, facéndose cargo do seu equipo júnior durante as últimas catro tempadas.
Na súa decisión de regresar ao campo Elite e Sub23, o técnico apunta que foi determinante “a confianza demostrada polo presidente José Luis”. Rodríguez chega coas ideas claras: “Hai que darlle un xiro ao proxecto. O equipo cumpriu un ciclo e é moi difícil chegar máis alto nesta categoría”.
“O persoal vai empezar practicamente de cero, pero esas cousas ao final son as que che gustan”, sinala o novo director da escuadra do Val Miñor, que xa traballa man a man coa dirección do club para confeccionar o cadro de corredores para a tempada 2018: “Non está todo inventado e para ser un gran equipo pódense facer as cousas doutra maneira. O Rías Baixas foi o mellor exemplo diso durante os últimos anos. Apostaremos pola mocidade pensando a longo prazo”.

