Castro e Ladeira critica o atraso da II fase de humanización da Travesía de Sabarís

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Membros de Castro e Ladeira na firma do convenio entre Concello e Xunta.

No mes de maio do 2016 a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asinaron o convenio de colaboración, aprobado ese mesmo mes polo Consello da Xunta, que permitiría a licitación nun primeiro termo da redacción do proxecto da II fase de humanización da Travesía de Sabarís, e a continuación dos traballos propiamente ditos ese mesmo ano por máis de 1,1 millóns de euros.

No mes de setembro de 2016, a secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Alberto Fuentes, mantiveron un encontro co rexedor e as concelleiras de Urbanismo e Medio Ambiente, Ana Simóns e María Iglesias, respectivamente, para analizar o proxecto.

Un ano despois aínda non comezaron as actuacións, que comprenden a Praza Victoria Cadaval e o tramo da rúa Julián Valverde, desde o cruzamento coa rúa José Pereira Troncoso ata a rúa Porta do Sol, coas que se completará e terminará definitivamente as obras de humanización da Travesía de Sabarís, principal arteria da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.

Desde a Asociación de Veciños Castro e Ladeira critican o atraso no inicio das obras, asegurando que desde o Concello habíanlles comunicado que darían comezo despois do verán. “Nos plenos respondían cando lles preguntaban desde a oposición co mesmo argumento, que darían comezo paralelas ás da rotonda de Baiona, que dan comezo hoxe. Un veciño comunicábanos que lle dixeron que non darían comezo este ano nin o que vén”.

“Non temos coñecemento por parte do Concello de cando se inician, o cal preguntamos por escrito no Rexistro este luns, e esperamos que nos contesten. Non dispoñemos do proxecto nin o visualizamos, e o alcalde na última reunión de xullo comunicoulle ao noso presidente que cando tivese o proxecto poñeríao á nosa disposición”, subliñan desde Castro e Ladeira.

Desde o colectivo anuncian ademais que serán partícipes da comisión de seguimento, “na que participamos sempre en todas as obras que se realizan na parroquia”.

En 2008 o Concello de Baiona promoveu o concurso de ideas para humanizar a travesía interior de Sabarís, desde a rotonda de Ponte Romana ata a da “curva do manco”. As actuacións distribúense en tres fases, das que xa están finalizadas a primeira (rúa Julián Valverde) e a terceira (rúa Porta do Sol e Areas).

A humanización terá como obxectivo mellorar a rede separativa de pluviais e fecais, abastecemento, iluminación e enterrado de electricidade e telefonía; renovar a rede de saneamento, pluviais e fecais; reorganizar o tráfico rodado nun só sentido de circulación dirección a Baiona; eliminar barreiras arquitectónicas; e crear espazos públicos de calidade. Este proxecto pretende, ademais, converter á Praza Victoria Cadaval nun espazo de lecer, con elementos vexetais que ofrezan sombra e creando un ambiente amable para os usuarios.

Tamén se contempla recuperar a contorna do edificio catalogado como Mercado Municipal, con propostas encamiñadas a dotar de unidade a zona e buscando unha maior integración e vinculación tanto coa praza, como coa ponte medieval. En definitiva, trátase de actuar nun ámbito que supera os 5.500 m2 de superficie, que será un lugar de encontro para os veciños e un punto de lecer neste concello, cun gran atractivo turístico.

Anuncios