Sin categoría

Baiona acollerá un encontro náutico europeo a finais de outubro

Membros da directiva do Monte Real Club de Yates de Baiona, alcalde de Baiona e presidente de Portos de Galicia, mantiveron unha reunión de traballo nas instalacións do club náutico para dar conta dos preparativos do evento náutico que se levará a cabo a finais do mes de outubro, e que será presentado durante as próximas semanas.

Nesta reunión tratáronse temas referidos á organización do mesmo, entre as que se atopan a reunión dos clubs náuticos máis importantes de Europa, o calendario de relatorios que se expoñerán durante esas xornadas, así como os diversos actos que se levarán a cabo.

Estas xornadas forman parte das diferentes accións que o ente público portuario está a levar a cabo cumprindo as directrices do plan estratéxico da náutica recreativa en colaboración con todos os sectores náutico deportivos de Galicia, como son, os clubs, empresas concesionarias, mariñas e asociacións náuticas. Outros asuntos tratados foron os referidos aos resultados obtidos na visita a Southampton e as previsións para o Gran Pavois de La Rochelle.

Record de tránsitos

O presidente de Portos tamén anunciou o magnífico labor que están a levar a cabo os dous clubs náuticos instalados no porto de Baiona e o seu municipio que volveu ser este verán líder en recepción de embarcacións en tránsito con 756 nos meses de xullo e agosto. En total no que vai deste ano 2017, tamén foi o que máis recibiu de toda Galicia con 1.183 embarcacións.

Por outra banda, considerando unha trintena de instalacións dependentes do ente público na que se desenvolve esta actividade náutica e segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións, en Galicia recibíronse durante o pasado mes 3.303 embarcacións en tránsito, o que supón en termos absolutos 250 barcos máis que no mesmo período do ano 2016, o que significa porcentualmente un incremento do 8 por cento.