O encoro de Baíña atópase ao 44 por cento da súa ocupación total

FOTO: PEPE COSTAS // Encoro de Baíña.

Os encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, administrados por Augas de Galicia, atópanse ao 56 por cento da súa capacidade total. Concretamente, os de abastecemento, ao 61,20 por cento, e os de uso hidroeléctrico ou industrial, ao 55,47 por cento. Así se recolle no último boletín hidrolóxico no que se sinalan os datos da evolución dos recursos hídricos na Demarcación Galicia- Costa, recollidos a 25 de setembro, e no que se indica que os 19 encoros de Galicia- Costa contan cun volume total de encorado de 386,45 hm3, dos 690,15 (volume total).

A maior parte dos embalses de abastecemento presentan valores arredor do 60 por cento da súa ocupación, agás Cecebre e Zamáns, que se sitúan no 55 por cento aproximadamente. Ademais, hai outras presas que presentan índices dispares en función da súa capacidade e uso, como é o caso de Baiona, Vilagarcía de Arousa ou Pontillón do Castro cuxos valores están entre o 44, 14 e 93 por cento, respectivamente.

No que se refire ás bacías destinadas ao consumo hidroeléctrico, o encoro de Touro é o que presenta o maior porcentaxe de ocupación, cun 85,71 por cento. Comparando a situación actual cos niveis que se rexistraban o pasado ano, o volume dos encoros sitúase oito puntos por debaixo, xa que o 29 de xullo de 2016 estaban ao 63,96 por cento, fronte ao 56 por cento actual.

Cómpre sinalar que, pese a que os encoros presentan niveis inferiores con respecto ao ano pasado, o abastecemento á poboación está garantido, incluso naqueles pequenos núcleos abastecidos dende mananciais ou acuíferos, que están a acusar os efectos desta situación. É importante recordar que a situación de prealerta na que se atopa a Comunidade activouse debido ao baixo caudal dos ríos e dos acuíferos, que a causa do déficit de precipitacións, teñen dificultades para recargarse.

Non obstante, desde Augas de Galicia, reitérase a necesidade de realizar un uso responsable da auga e máis tendo en conta a situación de prealerta por seca na que se atopa a Comunidade.

Anuncios