Sin categoría

Os coches invaden as beirarrúas en Sabarís

Desde que o Concello de Baiona retirou os polémicos bolardos e instalou xardineiras na Avda. Julián Valverde de Sabarís é habitual ver coches aparcados encima da beirarrúa. Precisamente, a súa función era evitar estas situacións.

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira denuncia estes feitos, xa que os vehículos obstaculizan o paso dos peóns, e pide que se tomen medidas desde o Concello, ademais de que actúe a Policía Local. “Temos moitas queixas veciñais e son conscientes do problema”, subliñan.

Ademais, lembran que existen bolsas de aparcadoiro na parte traseira de rúa, na Avda. Foz do Miñor. “O que non se pode é querer aparcar na entrada do destino, temos que pensar nos demais”, recalcan desde a Asociación.

“Os peóns teñen dereito a pasear sen obstáculos que llo impidan. O triste é que pasa a Policía e pasa de todo e o alcalde e o Sarxento saben do problema, que o teñen por escrito e con fotografías. Esa é outra, a Policía só multan dous axentes, hai que aplicar a Lei para todos igual, co mesmo criterio, é o que se fala en toda Baiona”.

Unha situación parecida sucede na rúa Benito Fariña, diante do Mercado de Sabarís, onde os vehículos estacionan invadindo a beirarrúa. “Temos moitísimas queixas xa que é habitual todos os días, as nais que van ao colexio cos seus fillos ou a comprar á praza, se queres pasar cun carriño de bebé por onde pasas?”, pregúntanse desde o colectivo veciñal. “Hai dous anos que lle pedimos ao concelleiro de Vías e Obras, Jose Ángel Bahamonde, instalar algo para evitalo”.

O problema repítese no cruzamento coa Avda. José Pereira Troncoso, na rotonda e arredores da Panadería Isolina, no camiño Follaces e fronte á Panadería Sabarís.

O camiño Follaces, situado á beira do acceso da autoestrada, sofre desde hai anos a obstaculización dos vehículos que van comprar a unha tenda agrícola. “Os usuarios do estacionamento que se atopa alí e os veciños que acceden ás súas vivendas, teñen que acceder por dirección prohibida un tramo xa que se atopan con este problema”.

“O ex alcalde e o actual non son capaces de solucionalo, xa que son moitas queixas veciñais e ameazas do propietario da tenda agrícola os que se queixan do mal estacionamento dos seus clientes. Apareceron vehículos danados por represalias, xa que o propietario crese que o camiño é da súa propiedade”.

Castro e Ladeira asegura que levan anos poñendo en coñecemento tanto aos alcaldes como ao Sarxento e a Policía non actúa. “O remolque que ten alí estacionado permanentemente con alpacas leva máis de tres anos e non paga por utilización de vía pública. O Sarxento da Policía comenta que ten que retiralo e segue alí, e o alcalde non fai nada ao respecto”.