A selección española de Trial encabezada polo vixente campión do mundo, Toni Bou, apoiou coa súa presenza o acto de presentación do Trial das Nacións, celebrado na Praia dos Frades de Baiona coa presenza do seu alcalde, Ángel Rodal; o presidente da Peña Moteros Val Miñor, José Durán; o presidente da Xunta Xestora da Real Federación de Motociclismo Española, Pedro Más; a directora de márketing e comunicación de Cogesa, Raquel Puente; e o coordinador da organización da cita mundial, Nano Ferro.
Tanto Rodal como Durán non dubidaron en destacar a boa química existente entre ambas as dúas institucións, a municipal e a deportiva, ao converterse Baiona en todo un referente das dúas rodas a nivel mundial.
Xunto a Bou estaban figuras do motociclismo español como Adam Raga, Jaime Busto, Sandra Gómez, Berta Abellán e María Giró, que co barcelonés forman o combinado español que parte como favorito en Baiona.
Tras as intervencións realizadas no acto, que se celebrou na Praia dos Frades, alcalde e presidente da Peña Moteros, procederon ao descubrimento dunha escultura en bronce fundida polo escultor vigués afincado no Val Miñor, Jose Molares, alegórica á celebración do Trial das Nacións, un casco moldeado con todo tipo de detalles, admirado polo seu realismo.
Mañá venres, ás 15.00 horas, terá lugar a cerimonia oficial de inauguración do Trial das Nacións, un acto que terá hora e media de duración e no que serán presentados todos os países participantes na competición de Baiona.
A entrada ao Parador de Turismo será o epicentro, un evento organizado en aberto para todo o público e que contará coa presenza do alcalde Ángel Rodal; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; patrocinadores e colaboradores.





