Anuncios
Ticker de novas

Rúa de Elduayen

Hauser y Menet capta perfectamente o día a día da vila de Baiona. Os mariñeiros están apoiados no muro do paseo; non falta a imaxe do tranvía e entre a multitude un coche antigo está aparcado no paseo de Elduayen. Representa unha escena case surrealista con respecto aos tempos actuais onde os coches invaden todo o paseo.

O soño do tranvía para Baiona xa viña de vello. D. José Elduayen, senador do Reino, consegue en xaneiro de 1895 que se aprobe o proxecto de lei sobre a concesión dun ferrocarril de vía estreita entre Vigo e A Ramallosa con desviación a Baiona.

No artigo primeiro o Goberno estaba autorizado para que lle outorgar a D. José V. Núñez, veciño de Vigo, a concesión do ferrocarril, sen subvención do Estado, coa condición de que se comencen as obras dentro do prazo dun ano.

O 12 de agosto de 1911, D. Martín Echegaray Olañeta, reuniu na súa residencia de Toralla a un grupo de destacados vigueses, para constituíren unha sociedade que adquirise os dereitos dos tranvías urbanos de Vigo que eran de propiedade belga que por diversas dificultades se viu obrigada a paralizar os traballos da rede do tranvía. Así naceu a Compañía Anónima “Tranvías Eléctricos de Vigo”, da que se recolle a acta fundacional nunha escritura pública o 13 de xaneiro de 1912. Entre as liñas que explotou esta compañía figuraban: o “Tranvía de Ramallosa a Bayona y Gondomar” e o “Ferrocarril de Vigo a la Ramallosa y de Molinos de Samil”.

Serie de Hauser y Menet (Anos 20)

Despois da Serie Xeral viñeron outras postais de Baiona realizadas por Hauser y Menet: son postais cunha perfecta definición e que, coma todas as de Hauser, serviron para conservarmos unha idea moi clara de como era a Baiona daqueles tempos.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios