Ata os últimos metros da XVI Volta a Galicia, o Club Ciclista Rías Baixas perseguiu o triunfo na clasificación xeral. Non o puido conseguir e a camisola amarela escapóuselle por tres segundos, pero o proxecto dirixido por José Luis Chamorro si que obtivo a recompensa de situar ao seu xefe de filas no podio final. Willem Smit escalou na chegada a Santiago de Compostela desde a quinta á terceira praza.
A contrarreloxo por equipos do primeiro día acabou por ser decisiva e, a pesar dos seus constantes ataques nas tres seguintes xornadas, o conxunto miñorano non puido desbancar ao líder Martín Lestido (Froiz). Nos 130 quilómetros da cuarta e última etapa, con saída e chegada na capital de Galicia, o Club Ciclista Rías Baixas expuxo batalla desde o bandeirazo inicial.
Jesús Nanclares filtrouse na primeira fuga, que por uns instantes tamén contou coa presenza do seu compañeiro Manuel Jiménez. Á altura do km 20, o berciano marchouse en compañía de García de Mateos (Cortizo) e o dúo chegou a contar cunha vantaxe de 1:45 sobre un pelotón do que tiraban os corredores do Froiz e do Deputación de León.
Polo alto de Cerceda, de 3ª categoría, Nanclares pasou en primeira posición, pero desde a última dificultade montañosa da Volta ata meta restaban 76 km. A colaboración por detrás deu os seus froitos e o representante da escuadra do Val Miñor foi neutralizado ao entrar nos últimos 50 km.
A substitución de Nanclares tomouno Jiménez. O pacense só tiña unha desvantaxe de 6″ respecto ao líder na clasificación e tentou sorprender de lonxe ao gran grupo, que non lle permitiu distanciarse. Os ataques sucedéronse na aproximación a Santiago, onde se ía a xogar a Volta.
A falta de 6 km, o Club Ciclista Rías Baixas lanzou a súa aposta definitiva. Soto impuxo un forte ritmo para impulsar a Smit, que tamén contou coa axuda de Larrinaga e Jiménez. O cuarto e o terceiro clasificado da xeral cederon, pero o primeiro e o segundo resistiron. Na chegada en constante subida á Alameda santiaguesa, venceu Grigorev (León) e Smit cruzou a liña de meta en sétima posición.
O surafricano, gañador o día anterior en Lalín, asaltou o terceiro banzo do podio. O primeiro correspondeulle a Lestido e o segundo a David González, ambos os dous do Froiz. Jiménez conservou a sexta praza e Larrinaga obtivo a décimo cuarta. Soto, Nanclares e Guzmán tamén completaron esta rolda baleirándose en favor dos seus compañeiros. Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas terminou terceiro.

