A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana 57 novas accións formativas dentro do programa “Conectadas 2017”, promovido polo servizo de Igualdade da institución provincial, para 26 concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán un total de preto de 1.100 mulleres destas vilas.
No Val Miñor iniciaranse dous obradoiros, dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica. O xoves 21 comezará en Gondomar unha acción formativa de teatro para 20 mulleres da Asociación Veciñal Ponte de Mañufe. O sábado 23, Nigrán acollerá o inicio dun obradoiro de costura creativa do que se beneficiarán 20 mulleres da Asociación Cultural de Mulleres de Chandebrito.
“Conectadas 2017” ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.
O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: “Muller emprende” (emprendemento), “Muller e cultura” (dedicado ás artes visuais), “Actualízate” (alfabetización dixital), “Coas túas mans” (traballos manuais), “Porque ti o fas” (xardinería e ornamentación floral), “Súmate ao cambio” (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), “Ponte en forma” (deportes) e “Coidados persoais”.
A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do “Conectadas 2017” un orzamento de 324.000 €. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.

