Anuncios
Ticker de novas

Willem Smit conseguiu un triunfo histórico para o Club Ciclista Rías Baixas e achégase ao liderado

O ano pasado o Club Ciclista Rías Baixas adxudicouse a clasificación xeral da Volta a Galicia, pero á entidade presidida por José Luis Chamorro seguíaselle resistindo unha vitoria de etapa na gran rolda da súa terra. Ese triunfo chegou este sábado en Lalín. Willem Smit impúxose ao sprint e queda a 3 segundos do líder Martín Lestido (Froiz) a falta dunha xornada para o final.

Coa súa punta de velocidade o surafricano puxo a guinda ao gran traballo dos seus compañeiros para controlar a carreira. Durante a primeira metade dos 137 quilómetros de percorrido con sete ascensións puntuables, catro de terceira e dúas de segunda, ao conxunto do Val Miñor tocoulle asumir o mando do pelotón.

Á altura do km 23 consolidouse na cabeza un grupo de 17 unidades sen ningún representante do Club Ciclista Rías Baixas. Os escapados chegaron a gozar de dous minutos de vantaxe. Unha diferenza que os miñoranos encargáronse de ir reducindo ata neutralizar a fuga antes de alcanzar o km 55.

Nin a tentativa afastada de Estévez (Cortizo – Anova), Grigoriev (Deputación de León) e Tello (Kuota), nin os ataques nos últimos quilómetros, incluído un do líder, impediron un desenlace ao sprint. Despois de asinar a segunda posición 24 horas antes en Monforte, nesta ocasión Smit mostrouse intratable para anotarse o triunfo e mesmo recortar uns segundos na xeral.

O xefe de filas do Club Ciclista Rías Baixas impúxose cun rexistro de 3:16:10, por diante de García Rus (Gsport) e Lourenço (Liberty Seguros), segundo e terceiro respectivamente. A partir do oitavo clasificado abriuse un oco de tres segundos, tempo que cedeu o líder e os seus tres compañeiros de equipo que copan as catro primeiras prazas da xeral. No pelotón principal tamén entraron os representantes miñoranos Javier Ruiz de Larrinaga, décimo terceiro, e Manuel Jiménez.

Á última e definitiva etapa da Volta a Galicia, Smit chega situado na quinta praza a 3″ do líder, mentres que o seu compañeiro Jiménez é sexto, a 6″, e Larrinaga décimo terceiro, a 15″. Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas ocupa a terceira posición a 3″ do primeiro clasificado, o Supermercados Froiz.

A carreira decidirase este domingo nos 130 quilómetros con inicio e chegada en Santiago de Compostela. O perfil desta etapa presenta dous portos puntuables de terceira categoría na primeira metade do percorrido e un final que pica constantemente cara arriba.

Anuncios