Anuncios
Ticker de novas

Ferreira acorda con Augas de Galicia pagar a débeda de 500.000 € en 14 mensualidades

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, chegou a un acordo coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e negocia un “plan de pagos aprazados” a pagar en 14 meses. Cada mes o concello de Gondomar deixará de recibir do goberno autonómico a cantidade de 37.176,73 €.

A débeda emana do convenio cofinanciado ao 50% polo importe dun millón de euros, liquidable no período 2005/2006, que asinou no 2005 o ex alcalde Carlos Silva con Augas de Galicia para a obra de “Colectores no concello de Gondomar (expediente OH.336.653)”.

O concello non abonou a parte correspondente (500.000 €) a Augas de Galicia entre o 2006 e 2012 a pesar de serlle esixida reiteradas veces aos distintos gobernos que pasaron polo consistorio entre esas datas, polo que devandito organismo autonómico presentou demanda Contenciosa Administrativa no 2012 esixindo dita cantidade. O 06/04/2016 o xulgado dita sentenza condenando ao Concello ao pago da débeda.

Agora o goberno municipal acaba de negociar un plan de pagos aprazado coa Axencia Tributaria da Xunta de Galicia en 14 meses e pola cantidade de 37.176,33 € ao mes, e así, non só dar cumprimento á sentenza e pagar o debido, senón tamén poder salvar a concesión de subvencións que viñeron e que nun futuro veñan do organismo autonómico.

“Agora mesmo estamos pendentes de xustificar tres subvencións: unha para o acondicionamento dunha estrada en Vilaza, dúas plantas de biomasa e outra de Xuventude”, aseverou o alcalde, quen lembrou que “de non estar ao corrente do pago e libre de cargas coa Xunta, toda liña de subvencións verase interrompida taxativamente”.

“Somos os primeiros que temos que dar exemplo e cumprir coas nosas obrigacións e compromisos con terceiros, e non podo entender como os anteriores gobernos non afrontaron a súa parte económica á que o convenio lles obrigaba. Tampouco podo entender como os gobernos entrantes ao ex alcalde Carlos Silva, negáronse a efectuar o pago, obrigando á administración autonómica a recorrer ao auxilio xudicial para cobrar. E certamente, que agora que o concello estaba a bo ritmo de crecemento, o desembolso de medio millón de euros é un pau e un retroceso político e social”. Así mesmo Ferreira cre que esta mala herdanza non é a única e que a situación económica e administrativa do concello é bastante peor do que esperaba, aínda así, “sairemos adiante e Gondomar seguirá progresando por encima da media, como o fixo estes dous últimos anos”, concluíu o alcalde.

Anuncios