Máis de 270 persoas de 11 concellos da provincia súmanse aos obradoiros de “Depo en Marcha”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os concellos de Gondomar, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Silleda, Valga, Vigo e Tui e súmanse esta próxima semana a unha nova entrega dos obradoiros do programa “Depo en Marcha 2017” da Deputación de Pontevedra nos que está previsto que participen máis de 270 persoas. Esta iniciativa da institución provincial impartirá, ao longo do curso, un total de 161 obradoiros para entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas de 45 concellos da provincia de Pontevedra.

A partir do martes 12 de setembro, Redondela acollerá un obradoiro de tapiñas e petiscos, que se estenderá ata o 28 de novembro, no que participarán preto de 30 persoas da “AA.VV. e Deportiva Cultural Miñoteira”. Ese mesmo día, en Salceda de Caselas, 25 persoas da “Asociación Cultural A Feira” comezarán un curso de pilates que está previsto que remate o 21 de novembro.

O mércores, 13 de setembro, iniciaranse en Pontevedra, Vigo e Gondomar cinco obradoiros que se estenderán ata o mes de decembro. Pontevedra será escenario de dous cursos, un de conservación da memoria e outro de internet, correo electrónico e manexo do teléfono móbil. No primeiro participarán 15 persoas da “Asociación de Veciños San Andrés de Estribela” e no segundo, 17 persoas da “Agrupación de Pensionistas CCOO” da cidade.

Tamén o mércores 13 de setembro comezarán en Vigo dous novos obradoiros. Un de cociña galega no que participarán 25 persoas da “Asociación de Veciños Praza da Miñoca” e outro de conservación da memoria para usuarios e usuarias da “Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Monte da Mina” de Castrelos. Amais, ese mesmo día, dará comezo en Gondomar un obradoiro de bailes de salón no que participarán os e as membros da “Asociación Cultural San Vicente de Mañufe”.

Xa para o xoves, 14 de setembro, está previsto o inicio de catro cursos nos concellos de Tui, Ponteareas, Mos e Redondela. Así, 17 persoas do “Centro sociocomunitario” de Tui recibirán formación sobre arte coas flores ata o 28 de decembro, ao igual que o farán 15 persoas do “Centro Cultural de Cillarga” de Ponteareas e outras 19 da “AA.V. San Mamede de Torroso” en Mos. Pola súa banda, 20 persoas da “Asociación Cultural e Deportiva Cidadelle” de Redondela comezarán un obradoiro de dous meses de duración sobre prantas mediciñais.

O venres, 15 de setembro, comezarán dous talleres sobre ximnasia de mantemento e bailes de salón nos concellos de Valga e Pazos de Borbén. Así, 20 persoas da “Asociación Axentiva” de Valga participarán no obradoiro de ximnasia de mantemento ata o 29 de decembro e 18 membros da “Asociación de veciños Santa María” de Pazos de Borbén sobre bailes de salón tamén ata a mesma data.

Pola súa banda, o sábado 16 de setembro, máis dunha vintena de persoas da “AA.VV. Parroquia de Laro” en Silleda comezarán un obradoiro sobre xogos tradicionais que se estenderá ata o 23 de decembro.

Con “Depo en Marcha 2017”, cun orzamento de 120.000 euros, a Deputación de Pontevedra busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, fomentando o envellecemento activo, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, promovendo movementos de participación e cooperación social, espazos de encontro e tamén o intercambio de experiencias.

As 8 alternativas de obradoiros que se impartirán nesta nova edición do programa son “Traballando coas mans”: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e traballos manuais; “Entre fogóns”: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; “Aprendendo da natureza”: plantas medicinais; “Móvete”: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; “Activando corpo e mente”: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; “Enredando”: xogos tradicionais e teatro; “Dálle marcha”: bailes de salón, pandeireta e canto popular; e, por último, “En rede”: Internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As actividades teñen lugar nun total de 45 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Anuncios