Baiona despediu este sábado o verán coa celebración da 1ª Travesía de Stand Up Paddle, organizada por Waira, Wetsports e o Concello. Medio centenar de padeeiros participaron na proba, que tivo como saída e meta a praia da Ladeira. O percorrido, de 5 km, foi neutralizado ata a praia da Ribeira, onde comezou a competición para as categorías Feminino Open, Masculino Open e Sub 16.
O primeiro en pisar de novo o areal da Ladeira foi Paulo Caldeira Lopes, ocupando David Giménez Gómez e Luis Cabral Brito o segundo e terceiro posto respectivamente. A primeira muller en completar a travesía foi Marta Abruñedo Salaberri, acompañada no podio por Ángela Echevarría, segunda, e Elena Alfaya Pereira, terceira. Na categoría Sub 16 o vencedor foi Eneko Alonso Vázquez, seguido dos irmáns Fernando e Ernesto Trujillo Shreck, segundo e terceiro.
Tras a entrega de premios, a cargo de Raúl Costas, concelleiro de Actividades Marítimas, Wetsports celebrou unha festa con paella para todos os competidores e a música de Rober Carcos.

