Conta atrás para o Festival do Rei Sol, que se celebrará do 15 ao 17 de setembro en Oia

FOTO: COSTA DOS CASTROS // Festa do Rei Sol 2016.

Comeza a conta atrás para o Festival do Rei Sol, que este ano se celebrará do 15 ao 17 de setembro en Oia cunha oferta de actividades gratuítas pensadas para todas as idades. Teatro, charlas e narración oral, obradoiros infantís e unha andaina son as diferentes propostas que inclúe este evento baseado na convivencia, a cultura e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial.

Os actos centrais do Festival do Rei Sol, evento que toma o seu nome dunha lenda vinculada ao castro de Cano dos Mouros (Viladesuso), desenvolveranse o domingo 17 no propio castro. Alí terá lugar unha visita guiada, unha representación teatral, a observación do solpor acompañada de música e o espectáculo “Os Contos do Rei Sol” de Avelino González. Tamén haberá postos de comida e bebida, grazas á colaboración veciñal.

Nos días previos ao domingo tamén haberá actividades culturais vinculadas co patrimonio, neste caso repartidas por diversos puntos de municipio de Oia. O venres 15 se celebrará un obradoiro infantil de arqueoloxía e o sábado 16 haberá unha andaina e outro obradoiro infantil, neste caso de elaboración de traxes castrexos. Ese mesmo día celebrarase a charla-coloquio titulada “Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana”, con Sonia María García García (autora da novela “Toca, el oro de la Gallaecia”).

Inscricións

No caso dos obradoiros infantís e a andaina as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse no teléfono 689.35.57.13.

O festival, organizado pola Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia, e co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro do Ano do Patrimonio; é posible grazas a implicación e participación da veciñanza e diversos colectivos de Viladesuso, nomeadamente a Asociación de Veciños, A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, A Fiada e o grupo de teatro O Mellor de Cada Casa. Con esta cita cultural preténdese fomentar a convivencia entre veciños e visitantes de Oia, poñer en valor o patrimonio local e concienciar sobre a necesidade de preservalo para as vindeiras xeracións.

FESTIVAL DO REI SOL 2017. PROGRAMACIÓN

• VENRES, 15 DE SETEMBRO

-19.30 horas: Obradoiro infantil: Pequeno Laboratorio Arqueolóxico.
Prazas limitadas. Require inscrición. C.C. de Pedornes

-20.30 horas: Teatro. “O que hai que ver”, de Fulano, Mengano e Citano.
C.C. Pedornes. Dentro da programación de Cultura no Camiño (AGADIC).

• SÁBADO, 16 DE SETEMBRO

-10.00 horas. Andaina por Viladesuso.
Prazas limitadas. Require inscrición.

-17.00 horas. Obradoiro infantil de traxes castrexos.
Prazas limitadas. Require inscrición. C.C. de Oia.

-18.00 horas. Charla-coloquio “Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana”, con Sonia María García García; autora da novela “Toca, el oro de la Gallaecia”.
Entrada libre. C.C. de Oia.

• DOMINGO, 17 DE SETEMBRO

Actos no castro de Cano dos Mouros (Viladesuso)*:

-18.00 horas: Visita guiada no castro.

-19.00 horas: Representación teatral a cargo do grupo O mellor de cada casa.

-Contemplación do solpor amenizada pola Fiada de Viladesuso.

-21.00 horas: Espectáculo “Os contos do Rei Sol”, de Avelino González.
*En caso de chuvia a festa trasladarase ao C.C. de Viladesuso.